A nova lei de acuicultura condena á desaparición a milleiros de pescadores artesanais e mariscadoras

Segundo a nova lei de acuicultura que está a redactar o Goberno de Alberto Núñez Feijóo, a Xunta pretende entregar o litoral e as augas interiores galegas ás multinacionais da acuicultura. “Esta norma é unha barbaridade”, explica o deputado de AGE e membro da dirección de EU, Juan Fajardo, “unha lei que condena á desaparición a milleiros de pescadores artesanais e mariscadoras que non é outra cousa máis que un ataque definitivo ao sector do mar”.

A Consellaría do Mar, dirixida por Rosa Quintana, intenta sacar adiante unha nova regulamentación que supón “unha expropiación do mar”. “Non hai consenso ningún co sector, senón apenas imposición a medida das multinacionais norueguesas, canadenses e xaponesas. Quintana pon o litoral galego á súa disposición ao estabelecer que o 100% do mesmo é susceptíbel se acoller piscifactorías”, explica o deputado. Tanto para Alternativa Galega de Esquerda ou para Esquerda Unida, resulta moi grave o impacto medioambiental “dunha lei depredadora que coloca o sector mexilloeiro en posición de subordinación á acuicultura industrial intensiva das multinacionais”, sinala Fajardo.

A este respecto, EU, dende o grupo parlamentario de AGE, vén de rexistrar diversas iniciativas parlamentarias para pechar o paso ao dominio das multinacionais e apostar pola acuicultura extensiva, non intensiva, que contribúa a poñer freo á “reconversión do mar” dos gobernos do PP.  O obxectivo: “elaborar unha nova lexislación despois de falar cos axentes implicados”.

Relacionados