A operación Pokemon na Coruña

Este grupo empresarial obtén a metade dos seus ingresos na Galiza do Concello da Coruña, pois baixo destinas denominacións ostenta e ostentou a concesión de diversos servizos municipais, a meirande parte delas con polémica tanto a nivel de execución dos servizos municipais, como en relación aos seus resultados económicos, ou no comportamento co seu cadro de persoal. Na actualidade ostenta unha decena de contratos, dende conserxerías do Teatros Rosalía de Castro, Aquarium, Domus, Centros de información Xuvenil, cidade deportiva de Riazor ou do Polideportivo do Barrio das Flores, ata o mantemento dos arredores da Torre, destaca a ruinosa concesión da grúa e a ORA. Á cidadanía gustaríalle coñecer cales foron os motivos polo que o goberno do PSOE asinou un contrato blindado e claramente lesivo para os coruñeses e coruñesas que provoca que a concesionaria reciba das arcas municipais a cantidade que declara como deficitaria derivada da xestión destes servizos.

Para Esquerda Unida o caso da concesionaria da ORA e a grúa é unha nova demostración do pacto encuberto entre PP e PSOE. Pois dende a chegada ao poder do Partido Popular, a consignación no programa 133, código 22710, correspondente ao Servizo de Regulación de “Aparcamento e Retirada de Vehículos”, pasou dos 3,3 millóns de euros do ano 2011 aos 3,9 millóns no 2014. Parece evidente que existen unha serie de erros de xestión dende a contratación no ano 2005 que o Partido Popular non pretende emendar. O que provoca que o goberno do PP este a asumir alegremente unha suba de 600.000 € no servizo de ORA e grúa municipal cos cartos da cidadanía. O PSOE foi o artífice de esta estafa á cidadanía pero o PP segue a regalar eses cartos segundo “o acordado” á unha empresa, DOAL que pertence ao grupo Vendex, propiedade do Sr. Rodríguez Acosta vinculado á trama de corrupción da Operación Pokemon. Mais diante desta situación e as nosas continuas denuncias, o PP tombou todas e cada unha das nosas iniciativas baixo o pretexto de comprometerse a resolver estas eivas. Mais lonxe de solucionar o problema, pois na actualidade o servizos está a custarnos aos coruñeses e coruñesas máis de 1500 € diarios, ten a desfachatez de argumentar que os servizos públicos non poden xestionarse con criterios economicistas mentres está a cometer o maior ataque contra os dereitos das familias traballadoras, recortando en sanidade, ensino, dependenza ou servizos sociais.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que non so se debe investigar a adxudicación da concesión de grúa e ORA senón que tamén hai que facelo sobre o control municipal sobre o cumprimento do prego de condicións. Esperamos que a xustiza actúe con dilixencia, celeridade e transparencia para que a cidadanía poida coñecer todo o acontecido e os culpables, no caso de habelos, asuman as súas responsabilidades.

O voceiro de EU-V, César Santiso asevera que así é coma o goberno popular lle fai fronte á corrupción e ás irregularidades desta empresa: 1º presiona ao funcionariado, logo forza unha forte caída da retirada de vehículos e para concluír indemniza ao servizo por non recoller o abarrote de coches que aparcan ás súas anchas onde queren e cando queren. Estas cousas non acontecerían cunha xestión municipal eficiente, que non dependera dos vaivéns na pinza PP-PSOE e coas súas empresas de confianza, que ao final son as que levan os cartos públicos por prestar un servizo a toda luz ineficiente”.

Relacionados