A oposición do Parlamento de Galicia impulsa a comisión alternativa de investigación dos recortes da sanidade pública

A oposición do Parlamento de Galicia vén de presentar en rolda de prensa a Comisión de Sanidade Alternativa, que se porá en marcha o vindeiro luns 17 de decembro no Parlamento de Galicia, “para coñecer a verdade sobre o sistema sanitario galego e na que participarán todas as voces que o PP vetou”, sinala Eva Solla, vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea.

“Esta comisión tratará de dar voz a todas aquelas persoas que sofren día a día os recortes impostos pola Xunta na sanidade e que o grupo parlamentario do PP vetou e quixo silenciar na comisión oficial”, sinala. 

Ante a situación grave da sanidade publica galega con falecementos das vítimas que non recibiron tratamento de hepatite C a tempo e a morte dun home no PAC da Estrada sen ser atendido por falla de facultativo no centro, os grupos da oposición solicitaran unha comisión de investigación no Parlamento na que o grupo maioritario impediu que comparecesen as vítimas dos recortes. Ante isto, “os grupos da oposición optamos por non participar na comisión oficial e organizar unha comisión na que puidesen ter voz os que foron vetados polo Partido Popular”,  explicou a deputada de En Marea, Eva Solla.

Esta comisión tentará ofrecer unha perspectiva global e non unilateral como pretendía o Partido Popular para ocultar a grave situación que está a vivir a sanidade pública do noso país. “Houbo un veto e unha manipulación do contido da comisión, o PP o único que pretendían era escoller os comparecentes dentro das nosas propostas os que lle viñan ben. Unha indecencia que non nos deixaran presentar as nosas propostas. En ningún momento os grupos da oposición vetamos as propostas do PP e entendiamos que o PP non debía tampouco vetar á oposición”, explicou Solla.

O primeiro en comparecer nesta comisión será o portavoz da familia do falecido no PAC da Estrada, Manuel Pereira, curmán do falecido Manuel Brey Pereira. Comparecerán nesta primeira xornada tamén  dúas persoas representantes da plataforma PACs en pé de guerra, o médico Eduardo Díaz e a enfermeira Pilar Rodríguez.

“Levamos a esta comisión alternativa as propostas que presentabamos e que foron vetadas para que conten a realidade do sistema sanitario. É enriquecedor tamén escoitar as propostas que teñen para mellorar e cambiar a grave situación actual e iso será o que faremos nestas xornadas”, afirmou Solla.

Por todo isto, os grupos da oposición volveron a pedir a dimisión do Conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, que aseguraron “tiña que ter dimitido xa hai tempo” pero nos últimos meses a situación chegou a límites intolerables ata chegar ao momento actual “no que no caso de non dimitir el mesmo, debería ser a propia Xunta a que debería deixar caer ao Conselleiro ante a súa pésima xestión”, rematou Solla.

Relacionados