A PAC para 2014-2020

O pasado 25 de xullo a Unión Europea deu luz verde á reforma da PAC, á que dentro do calendario previsto quédalle o tramo estatal para complementar o procedemento. Trátase dunha reforma que tal e como denuncia Alternativa Galega de Esquerda renuncia á regularización dos mercados, axustando a producción á demanda, e camiña no sentido contrario á soberanía alimentaria dos pobos, liberalizando aínda máis os mercados agrarios, rematando co sistema de cotas no sector lácteo de xeito inminente, e de xeito progresivo no sector vitivinícola.

Isto significa que se vai continuar con políticas na liña da PAC aínda vixente, que botou a andar no 2003 e que, segundo datos de Eurostat, provocou o peche do 20% das explotacións agrarias europeas. Nesta lei deberíase da PAC de cómo se van regular os mercados, de cómo acabar coa actual situación na que son as multinacionais da industria e da distribución as que marcan ao seu antollo os prezos que máis lles conveñen, levando á ruína a miles de explotacións.

O grupo parlamentario de AGE asegura que as axudas non están servindo nin para manter o tecido produtivo no medio rural, nin para garantir unha alimentación sá e de calidade para a sociedade, nin para garantir a conservación do medio ambiente e a nova PAC pretende seguir dando cantidades millonarias do erario público aos terratenentes e grandes propietarios da terra, perxudicando aos agricultores que viven da súa profesión. De feito, as axudas están deseñadas para iso. Por exemplo, para ser agricultor ou agricultora en activo só hai que obter o 5% dos ingresos da agricultura, e á hora de conceder axudas se priman factores como as hectáreas de superficie; fronte a outros fundamentais como os postos de traballo que dependen das explotacións, ou a creación de tecido socioeconómico no medio rural.

Nin que dicir ten que unha PAC que beneficie ás grandes superficies, marxinará directamente a países coma Galiza, onde o meirande das explotacións son de pequena ou mediana dimensión. Dende a óptica de quen quere revertir a situación de abandono do rural de Galiza, é fundamental manter o acoplamento das axudas. O desacoplamento nos sectores coma o cárnico sería letal para as zonas de montaña, onde é unha das actividades que fixa poboación. Asi, trátase de dotar ás axudas da PAC de criterios que favorezan unha actividade agrícola sustentable,económica, social e ambientalmente, a revitalización do rural a través da potenciación da economía local ao tempo que se introdcen reformas que primen a creación de traballo e a fixación de poboación, e que deixen de ir maioritariamente aos terratenentes rentistas.

Dentro dos principios da soberanía alimentaria AGE defende que é fundamental o apoio a sectores aínda non desenvolvidos no país e dos que somos dependentes, e cunhas grandes posibilidades de desenvolvemento, coma son a agricultura ecolóxica, as pequenas granxas  multifuncionais de venda directa ou semidirecta, a fruticultura, a horticultura de proximidade, e que nestes intres non perciben apoio das axudas PAC.

Na negociación no Estado español ainda queda marxe para modificar sustancialmente a orientación da Política Agraria Común. Por todo esto,  o Grupo Parlamentar da Alternativa Galega da Esquerda presentou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que se insta á Xunta de Galicia, no marco das negociacións co Estado para as axudas PAC 2014-2020, a defender os seguintes criterios xerais:

1)Modificar a definición de agricultor activo, de xeito que se garanta que as axudas son percibidas polo sector da poboación que si son agricultores, coma aquela persoa que perciba máis do 25% dos seus ingresos da actividade agraria, e estea dado de alta como agricultor no réxime da seguridade social.

2)Establecer un tope de 100.000 euros na percepción de subvencións da PAC.

3)Establecer un pago por hectárea que sexa progresivo, remunerando máis as primeiras hectáreas de cada explotación.

4)Manter na medida do posible o acoplamento das axudas, priorizando as actividades que crean emprego nas zonas desfavorecidas.

5)Establecer axudas directas á agricultura ecolóxica, as pequenas granxas  multifuncionais de venda directa ou semidirecta, á fruticultura, á horticultura de proximidade, e demáis sectores nos que Galiza é dependente das importacións, e cuxo potencial de crecemento e creación de emprego é importante.

 

6)Establecer axudas para o establecemento dun sistema público de investigación e asesoramento técnico.

Relacionados