A policía defende Freiremar

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia, a través da súa deputada Chelo Martínez, o emprego da policía para protexer o saqueo patronal de Freiremar, en Vigo. Cando os propietarios da empresa adebedan finiquito e indemnizacións a máis dun cento de traballadoras e traballadores despedidos, permítense retirar da factoría mercadorías por máis de tres millóns de euros. Escoltados pola policía que pagan todas e todos os galegos. “A policía está para pararnos a nós no canto de parar á empresa”, denuncia un traballador. A Delegación do Goberno español na Galiza volve, unha vez máis e igual que xa fixera en conservas Cuca, utilizar os recursos públicos para tomar partido en contra da xente que perde o seu posto de traballo.

Chelo Martínez, que xa defendeu iniciativas parlamentarias para instar a que a Xunta tome cartas no conflito e para que opte pola conservación do emprego, lembra tamén que, xusto onte, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei de apoio ás operarias e operarios de Freiremar.

“Todo o proceso de liquidación de Freiremar [unha das pesqueiras máis importantes do Estado] fíxose con gran escurantismo”, criticou xa o pasado mes Martínez. Agora, os traballadores solicitaron unha entrevista co conselleiro de Economía, do mesmo partido –o PP- que onte apoiou a moción parlamentaria. O cadro de persoal de Freiremar anuncia mobilizacións permanentes e mañá concentraranse perante o Concello de Vigo para esixir unha recepción por parte do alcalde da cidade.

Relacionados