Aínda que o descenso do consumo devido a crise sistemática ten moito que ver, dende Esquerda Unida consideramos que o factor determinante do constante peche de establecementos ten a súa orixe na errada política municipal que lonxe de fomentar aos pequenos negocios, está a promover a implantación de grandes superficies comerciais que entran en competencia directa e desleal co pequeno comercio coruñés, forzando o seu peche e por conseguinte debilitando a tradicional vida de barrio coruñesa.
O Consello Comarcal de EU Coruña leva tempo denunciando esta perversa política de crecemento desenvolvida polo Goberno municipal, unha política baseada no continuo apoio ao gran capital a través da creación de grandes áreas comerciais que está a afundir ao comercio tradicional da Coruña, como o demostra o feito de que na actualidade xa temos máis dunha decena de centros comerciais na nosa cidade.
Esquerda Unida acusa ao Goberno municipal de aplicar políticas de crecemento miopes e cortoplacistas. O eminente cénit do petróleo obrigará a reducir o consumo de enerxía fósil e por conseguinte esixirá desenvolver políticas que favorezan a mobilidade sostible. Xa que logo, é misión dos gobernantes favorecer este tipo de políticas para que cidadanía este preparada para soportar cun menor trauma a crise enerxética que temos en cernes.
EU avoga por outra filosofía de cidade, unha cidade máis amábel e sostible na que non sexan necesarios os constantes desprazamentos, principalmente en automóbil. Para elo, propón a recuperación da tradicional e entrañábel vida de barrio coruñesa mediante unha política municipal baseada no apoio e promoción do pequeno comercio para que cubra, en cada barrio a demanda de bens solicitados polos seus habitantes.
As previsións amosadas recentemente pola Federación de Asociacións de Comerciantes son sumamente preocupantes, no próximo trimestre miles de postos de traballo se perderan por mor do peche de pequenos comercios debido a presión que exercen sobre eles as grandes superficies.
Por iso, Esquerda Unida propón o desenvolvemento dun Plan Estratéxico Municipal de Potenciación e Desenvolvemento do Pequeno Comercio, os Autónomos e as PYMES e un Plan de Reactivación da vida nos barrios.