Santiago de Compostela, 14 xaneiro de 2013.- O deputado parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Juan Manuel Fajardo, critica a teima do goberno da Xunta de “manter as políticas que levaron ao país á ruína e implementan o exterminio da clase obreira, dos dereitos sociais e do benestar levándonos a unha política de beneficiencia”.
Fajardo asegura que os deputados do Partido Popular no Parlamento de Galicia perderon a noción da realidade, “deben ter o síndrome da moqueta” e néganse a asumir nin un so dos problemas dos galegos e galegas pese as máis de 2.300 manifestacións que tiveron lugar o pasado ano e que se repiten case a diario nas rúas do noso país”.
O deputado acusou á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o resto de membros do goberno da Xunta de mentir xa que asegura que “dicir que fan máis con menos é unha falsedade de primeiro orde”. Fajardo suliñou o feito de que dende que o Partido Popular volveu ao goberno galego “estanlle cobrando máis impostos que nunca a cidadanía simplemente para pagar á banca e grandes capitalistas”.
“Son ladróns de guante blanco que están a roubarlle aos galegos e galegas para entregarlle os cartos ao grande capital financieiro de Europa” afirmou o deputado de Alternativa Galega de Esquerda.
Durante a súa intervención na comparecencia no Parlamento de Galicia da conselleira Beatriz Mato, Juan Manuel Fajardo denunciou que o goberno da Xunta defende o desemprego, como unha arma contra os traballadores que teñen que asumir calquera condición laboral para acceder a un posto de emprego. “Defenden aos grandes capitalistas que aproveitan a dramática situación de paro actual para sacar beneficio e obrigar a que se acepten peores condicións laborais. Para vostedes é preciso o desemprego para que os seus amigos teñan máis beneficios” declarou.
Así mesmo, denunciou as diferencias de partidas económicas presentes nos orzamentos para o vindeiro ano pola conselleira e que deixan claros os seus intereses como por exemplo o feito de que adiquen trece veces máis recursos aos asesores da Consellería que ao Banco de Alimentos.
Fajardo destacou ademáis que “os nosos pensionistas son os peor pagados do Estado e a Xunta aínda quere que teñan que atender aos seus desempregados, dependentes e tamén aos netos e netas”.
“Polo axuste orzamentario dalles o mesmo enviar o país á indixencia” denunciou o deputado de Alternativa Galega de Esquerda.
Para Juan Manuel Fajardo os orzamentos da Xunta asume como estructural o desemprego e abandona os galegos e galegas tal e como quedou demostrado no discurso da conselleira Beatriz Mato que non fixo nin unha soa referencia aos desempregados nin as persoas en risco de exclusión social que actualmente son 1 de cada 4 galegos e galegas. “Prefiren pagar aos banqueiros en lugar de invertir en loitar contra o desemeprego tal e como se reflicte no descenso de máis do 40 por cento do orzamento adicado a políticas activas de creación de emprego”.