A prensa internacional silencia os movementos prebélicos de tropas e armamento protagonizados por Marrocos

Por Xabier Ron

Brión, 15 de abril de 2016.

A historia máis recente está inzada de acontecementos que adoptan unha triste e perigosa circularidade: aos períodos de guerra sucédenlle falsos procesos de paz que conteñen na súa conformación a semente de novos tempos bélicos.

Por desgraza, un dos conflitos máis duradeiros (catro décadas de sofremento) ten como protagonista e máximo responsable, por acción e omisión, ao Estado español. Referímonos á ocupación do Sahara por parte de Marrocos. A iso hai que unirlle os (ilexítimos) intereses coloniais de potencias occidentais e das súas empresas, que prefiren desbaldir os recursos primarios, que pertencen por lei e dereito ao pobo saharaui, a respectar a integridade da ética política e os dereitos humanos.

As autoridades saharauis, a Fronte Polisaria, así como os colectivos que defenden os dereitos do pobo saharaui, com SOGAPS en Galicia, amosaron en datas recentes a súa fonda preocupación polos movementos militares e os amplos desprazamentos de equipamento armamentístico cara as zonas ocupadas, mais tamén cara a zonas hoxe liberadas e mesmo cara as zonas limítrofes con Arxelia, onde están os campamentos de persoas refuxiadas que, lembremos, levan 40 anos aí, sen poder vivir na súa terra ocupada por Marrocos. Resulta chamativo que calquera xesto militar de Corea do Norte sexa publicitado na gran pantalla, mentres que o que fai Marrocos coñeza o silencio internacional por parte dos medios de desinformación masiva.

 

AS AUTORIDADES SAHARAUIS ESTÁN FONDAMENTE PREOCUPADAS

E PIDEN O  APOIO E A PRESIÓN POLÍTICA PARA IMPEDIR UNHA NOVA GUERRA

 

Pode existir unha política hipócrita, que xogue coa vida das persoas e a súa dignidade como suxeito colectivo? Semella que si. As declaracións e outras manifestacións de apoio semellan non ser suficientes. Sobre todo se non se acompaña dunha decidida presión diplomática e política internacional que marque o necesario illamento de Marrocos para que recapacite, poña fin á violación sistemática de dereitos humanos e permita a realización do referendo de autodeterminación, tal como ditaminan as resolución da ONU.

Podemos permanecer indiferentes, sentados nos nosos sofás cando se pode anunciar unha guerra que será fondamente desigual e que ameaza con ser un verdadeiro exterminio e xenocidio? Non. Esa debera ser a resposta. Mais, o certo é que en función do que sucede co Tratado criminal asinado o 18 de marzo de 2016 entre a UE e Turquía.

E é que detrás do oprobio e anoxante proceder da Unión Europea está o desprezo máis absoluto cara a dignidade das persoas. As contas serven para soterrar os horizontes vitais de milleiros de seres humanos, perdidos e secuestrados nas rutas de entrada a unha Europa que esquece o valor máis importante: nacemos para vivir con dignidade.

O Tratado obrigará ás persoas migrantes e refuxiadas a procurar a entrada a través doutras rutas, sendo unha delas a que chega a Ceuta e Melilla. De aí que Marrocos, a pesar dos xogos florais de rachar relacións institucionais coa UE está, no fondo, tranquila e convencida da súa preponderancia, xa que o Estado español e Europa precisan seguir contando coa cooperación do seu xendarme. En efecto, quen axudou ao estado español a agochar a realidade do acontecido nos Crimes do Tarajal o 6 de febreiro de 2014? Marrocos. Onde toman terra moitos dos voos de deportación planificados polo estado español? En Marrocos. Con quen se deseñan plans empresariais de automoción ou de ensamblaxe e costura de roupas vendidas por homes falazmente recoñecidos como filántropos? Con Marrocos. Quen permitiu a construción dun muro da vergoña de 2.700 km de longo e que segrega o pobo saharaui e permite, así, a Marrocos o control do territorio saharaui? Un muro que está dotado de importantes medios tecnolóxicos e militares, ademais de ser un campo de minas que sega vidas de forma indiscriminada? O mundo enteiro. Nós. O mesmo que permitimos que se deporten milleiros de persoas sen ningún tipo de garantías desde Grecia a Turquía e de aí…a….quen sabe….

A devolución en quente de migrantes no Mar Exeo ten o seu perfecto paralelo en Ceuta e Melilla. Turquía e Marrocos convértense, así, nos xendarmes concentracionarios de Europa. E se hai sentenzas que anulan acordos comerciais entre a UE e Marrocos, porque se fan sobre o corpo dos dereitos e dos recursos do pobo saharaui, tamén están os intereses mercantís das empresas, desexosas de incrementar a súa plusvalía inda que sexa de forma mesquina e sen respectar a máis mínima ética. Insistimos desde Esquerda Unida, non se pode estar cos verdugos e coas vítimas, tal como non se podía nos anos 30 do século XX estar con Hitler, Mussolini e Franco se realmente eras unha persoa democrática, defensora dos valores da humanidade. Ollar cara ao outro lado, pensar que non vai con nós, convértenos no peor. Os que militan na causa xenófoca, recista e aporofóbica son como son. Mais, que podemos dicir desa ampla maioría social que semella calar, coma se o que sucede no mundo máis próximo non fose con ela? Resérvome os cualificativos. Que afunden na súa consciencia e queden mergullados baixo o río abafante da ética.

Se non actuamos de forma urxente, de forma coherente e decidida, as políticas hoxe humanitarias, que son as practicadas hoxe co sahara, caerán sepultadas baixo os corpos asasinados polas balas: os campamentos de refuxiados sostéñense con esa axuda humanitaria e coa presenza dos e das cooperantes. Se hai conflito bélico, este persoal será o primeiro en marchar. Non podemos permitir unha guerra de exterminio.

Pode que sexa momento non só de exercer toda a presión política e diplomática internacional posible para que o Consello de Seguridade da ONU decida, o último día de abril, que a MINURSO non deixe o Sahara e teña o mandato adicional de velar polo respecto e mantemento dos Dereitos Humanos por parte de Marrocos, senón tamén de ir pensando e crear unha nova internacional que aposte por defender o pobo saharaui e se conforme como un amplo escudo humano que disuada a Marrocos de disparar sobre os homes, mulleres e nenos saharauis. E, ao mesmo tempo, dimensionemos como e a quen adquirimos os coches, os alimentos ou a roupa e optemos por sermos éticos na compra e boicoteemos ás empresas que se lucran coa axuda de Marrocos sobre o corpo agonizante do Sahara.

dfs

 

Relacionados