A sen razón do mal chamado corredor verde de Orillamar

 

O resultado de estas actuacións é a crispación da veciñanza que ten que padecer os contratempos dunhas obras mal planificadas que na maioría dos casos non eran demandadas.

 

Estamos a menos dun mes da finalización do mal chamado corredor verde de Orillamar, porque a vexetación ou os criterios de sostenibilidade brillan pola súa ausencia. Nesta actuación o Goberno local, baixo o pretexto de humanizar a cidade, amplía as beirarrúas nunha rúa que case non ten demanda de peóns e reduce drasticamente o número de aparcamentos en superficie para favorecer o uso dos aparcadoiros privados moito máis custosos para a cidadanía. Asemade, deseña unha estrada tan estreita que os camións e autobuses sóbense constantemente polas beirarrúas, rachando as pedras como é facilmente observábel.

 

Unha vez máis a improvisación e falta de planificación do Goberno municipal están a crear graves problemas a veciñanza que se queixa de que a rúa estea totalmente cortada ao tráfico en lugar de actuares por tramos, quen non teñen colectores de lixo a unha distancia adecuada, o que supón un grave problema para as persoas maiores ou con discapacidade, ou que os camiños para peóns son incómodos e as veces non teñen fin e hai que dar volta atrás.

 

Esquerda Unida denuncia que a rúa Orillamar non dispón de colectores de lixo o que obriga a veciñanza a facer longos desprazamentos para poder verter os seus refugallos, por iso o consello comarcal de EU Coruña, recollendo as demandas veciñais, esixe ao concello que dote a rúa de colectores de lixo, aínda que sexa de maneira provisional.

 

Diante destes custosos despropósitos municipais, o coordinador comarcal de EU, César Santiso, lamenta que o Goberno local actúe de costas a cidadanía, hipotecando o futuro da cidade con custosas actuacións que desaproba a meirande parte da veciñanza. Por iso propón un verdadeiro pacto cívico onde o concello se comprometa coa participación cidadá mediante orzamentos participativos que permitan a veciñanza decidir como investir a partida orzamentaria no barrio onde viven. Pois, non cabe dúbida de os veciños e veciñas son quen mellor sabe das necesidades do seu barrio.

Relacionados