“A situación das urxencias é inadmisible, tanto polo empeoramento da calidade asistencial como das condicións do persoal”, di Solla

“Os e as profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denuncian a falta de medios, persoais e materiais, que provoca situacións de tensión entre as traballadoras e traballadores das urxencias, que ven como, ante a desidia da dirección do hospital, empeora a calidade asistencial, repercutindo non só nas doentes e nos doentes, se non tamén nas condicións laborais e carga de traballo do propio persoal”, vén de sinalar Eva Solla nada máis comezar a súa intervención na sesión plenaria, na que deixa claro que “resulta totalmente intolerable a situación que está a vivir o persoal sanitario do CHUS”.

En canto ás deficiencias materiais, Solla denuncia que o persoal “está a traballar con aparatos de fai 20 anos, que dado o uso continuo ao que se someten en urxencias, atópanse nunhas condicións lamentables e que no mellor dos casos intentan ser solucionadas con pezas de recambio, que nin de lonxe supoñen unha solución ao problema”.

“Pese ás reunión mantidas coa dirección e a xerencia, na que foron trasladadas as demandas mínimas que xa non podían adiarse máis, sendo recoñecido pola propia dirección a mala situación, as cuestións comprometidas seguen sen levarse a cabo, pese a existir partidas habilitadas para tal fin”, di Solla. “Esta situación de falta de inversión nas urxencias resulta totalmente inadmisible, tanto polo empeoramento da calidade asistencial da sanidade pública como das condicións laborais do persoal, sobre todo tendo en conta que a dirección e a xerencia son plenamente coñecedoras da situación denunciada”, rematou Eva Solla.

Ver o vídeo dende:

Relacionados