A III Rolda non é a solución definitiva

 

Non cabe dúbida que a terceira rolda reducirá os problemas de mobilidade a curto prazo, mais Esquerda Unida considera que a creación de novas infraestruturas, como a terceira rolda no arranxará os problemas de mobilidade porque a solución ao caos de tráfico que vive A Coruña no pasa pola mera ampliación das infraestructuras senón que é necesario promover a redución de vehículos privados a motor mediante a promoción de medios de transporte alternativos a curto e medio prazo e, a longo prazo, a través da concienciación cidadá e a promoción doutros hábitos de vida ligados a mobilidade. Pois a realidade demostra que a ampliación das infraestructuras trae consigo o inmediato aumento de vehículos en circulación, como sucede nas grandes urbes americanas, e, xa que logo, incrementar os problemas medio ambientais, de saúde, ou de ruído, asemade de converter a cidade nunha urbe aínda máis dependente do petróleo, precisamente agora que sabemos da certeza do cénit do petróleo e a consecuente crise enerxética

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes insta ao Goberno coruñés a crear de urxencia o Consello de Mobilidade para consensuar un Plan  Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel (PIMUS) mediante participación cidadá, que permita reducir a utilización de vehículos, a través dun transporte público amplo, eficaz e económico e que evite a entrada masiva de vehículos particulares mediante a utilización de aparcadoiros disuasorios gratuítos nas principais entradas da nosa cidade.

 

César Santiso, indicou que “semella que o alcalde está a utilizar a terceira rolda de modo partidista, ao tempo que ataca ao Goberno central do PSOE disimula a súa inacción en materia de mobilidade. Así en lugar de mostrar vontade e valentía política para resolver o grave problema, fía a solución da mobilidade ao desenvolvemento de grandes proxectos que se demorarán no tempo e dependen doutras Administracións como a terceira rolda (Xunta e Goberno central), o metro lixeiro (Xunta de Galicia) ou a difícil tarefa de consensuar acordos con outros municipios para crear aparcadoiros disuasorios nos seus territorios en lugar de facelo no termo municipal da Coruña”.

Relacionados