A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea, Eva Solla, vén de denunciar na Comisión de Sanidade “a grave situación de masificación no servizo de pediatría que están a sufrir o concello de Cangas despois de que a Consellería de Sanidade eliminase a única praza de pediatra do centro de Saúde de Aldán e outra no de Cangas, o que deixou o concello con dúas profesionais para atender a máis de 3.500 menores”.
Na súa intervención, Eva Solla denunciou “a falta de recursos na Atención Primaria como consecuencia das políticas de recortes e da nula vontade política de reverter as mesmas ante a suposta recuperación económica que anuncia o Goberno”.
Segundo dixo Eva Solla, “as políticas de recortes no investimento público, a precariedade nas contratacións e a falta dunha boa planificación provocan especial repercusión na falta de profesionais provoca unha situación que impide dar unha cobertura de prazas axeitadas”.
Esta falta de pediatras esta directamente relacionada cunha mala xestión do Goberno galego de Núñez Feijóo, que demostra incapacidade de reacción ante esta situación como puxo de manifesto Eva Solla. “O caso da perda dunha praza no Centro de Saúde de Aldán é unha mostra máis de como esta situación esta deteriorando pouco a pouco xa que provoca un aumento da ratio de cartillas e unha masificación de cupos”, lembrou.
Ante esta situación, En Marea presentou unha pregunta ao Goberno na comisión de Sanidade para saber se consideraban axeitado o número de cartillas que terán que asumir os pediatras do concello de Cangas para dar unha asistencia sanitaria de calidade e que pensa facer para arranxar a masificación despois da perda un pediatra.
Por último, Solla remarcou o apoio do seu grupo ás nais e pais na súa recollida de sinaturas para poñer fin a esta situación e comprometeuse en seguir a traer ao Parlamento as súas demandas ata lograr que se repoña a praza de pediatra en Aldán.
Ver vídeo dende: