Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda considera totalmente inaceptables as trabas que o Partido Popular está a poñer no esclarecemento das irregularidades denunciadas polo grupo parlamentar en relación as irregularidades do plan de inversión da compañía Unión-Fenosa Distribución S.A.
O grupo parlamentar de AGE rexistrou unha interpelación co obxetivo de que o Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, comparecera para dar explicacións sobre a pasividade da Xunta de Galicia á hora de actuar sobre as graves irregularidades detectadas e denunciadas por técnicos da Xefatura Territorial de A Coruña no Plan de Inversións 2012-2015. A resposta recibida desde a Mesa do Parlamento para non admitir a interpelación non foi outra que dicir que non se trata dunha cuestión de interese xeral o que fai pensar que non consideran importante un Plan de 700 millóns de euros para toda Galicia.
A pesar disto AGE reiterará a petición de comparecencia do Conselleiro de Economía e Industria para contestar ás preguntas que dende este grupo se lle fan e que, por outra banda, constitúe unha obriga para os membros do goberno democrático.
Os deputados de AGE insisten en sinalar a importancia do tema xa que, de se confirmar as denuncias dos propios técnicos da Xunta de Galicia, estaríamos ante unha grande estafa, na que en caso de non actuar, o goberno galego pode incorrer nun delito de prevaricación omisiva.
Ante a inxustificada e sorprendente inacción por parte do director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, contra a empresa Unión-Fenosa Distribución S.A. desoíndo todos os informes e as recomendacións dos técnicos que advirten das graves irregularidades que se están a cometer, Alternativa Galega de Esquerda non renunciará a que se aclaren e depuren todo tipo de responsabilidades.
De non ser así, os deputados de AGE, Antón Sánchez e Consuelo Martínez, anunciaron xa que tomarán as medidas oportunas ante a Xustiza para esixir responsabilidades non só a empresa senón aos responsables da Consellería de Industria pola súa falla de acción ante esta nova estafa que está a levar a cabo Unión-Fenosa Distribución coa complicidade do director xeral de Industria, Enerxía e Minas.