A Xunta de Galicia debe intervir e protexer a saúde de residentes e traballadoras das residencias de maiores

Dende Galicia en Común-Anova Mareas, vimos de denunciar a situación que están a padecer as residencias públicas e privadas en Galicia. Hoxe coñecemos o caso terrible dunha residencia de Celanova cun número elevadísimo de  persoas infectadas por coronavirus tanto residentes como traballadoras.

“Non entendemos como cando a Xunta de Galicia traslada que teñen enriba da mesa todas as opción para actuar, non actúe e non protexa a saúde desas persoas maiores e das traballadoras” di Eva Solla tras insistir en que  “esta situación é consecuencia dunha política da Xunta de Galicia de privatización onde se fomentaron os concertos con entidades privadas que manteñen unha ratio de persoal irrisoriais e cunha carga de traballo moi elevada”

A situación da falta de persoal suficiente e da falta de medidas derivada da privatización ten este tipo de consecuencias polo que dende Galicia en Común, esiximos á Xunta de Galicia que no uso das súas competencias, interveña para dotar de persoal e para protexer a saúde desas persoas maiores.

“Cómpre actuar sen demora e  reforzar no inmediato a dotación de persoal e medios, debidamente equipados e protexidos, para o coidado das persoas máis vulnerables que requiren dun maior esforzo médico e asistencial extremadamente agravado pola pandemia do Covid-19 que nos azouta”, esixía hoxe o candidato da coalición, Antón Gómez-Reino.

Por outra banda, Martiño Noriega, resaltou a importancia da “defensa do público como garantía colectiva da cohesión social para o futuro dun país que precisará de moitos esforzos colectivos, non só o benestar dos nosos maiores, senón do conxunto da sociedade, con particular atención aos colectivos máis vulnerables”.

Dende Galicia en Común-Anova Mareas, insistimos en que tanto o presidente da Xunta de Galicia como a Conselleira de Políticas Sociais, que aínda non compareceron nun parlamento de Galicia que está absolutamente amordazado, deben dar explicacións públicas por esta situación e explicar porqué tanto nas residencias públicas como privadas se sigue carecendo de medios para afrontar esta crise sanitaria.

Relacionados