O deputado de AGE, Antón Sánchez, lamentou a actitude hipócrita e propagandística do goberno da Xunta de Galicia baseada en repetir mensaxes baleiros de medidas concretas que o único que buscan e trasladar un compromiso e unha aposta polo rural galego que non existe mentres se camiña na destrución do sector agrícola e gandeiro.
O deputado Antón Sánchez informou na roda de prensa de hoxe da multitude de queixas recibidas por parte do alumnado e profesorado dos distintos centros de capacitación agraria cos que o seu grupo mantivo encontros, o último o pasado venres co centro de Sergude en Boqueixón (A Coruña). Durante este encontro os alumnos e alumnas trasladaron ao deputado de AGE das deficiencias de material, de persoal e do propio funcionamento do centro chegando a denunciar faltas de respecto aos propios alumnos, en especial as mulleres. Ante a situación denunciada polo persoal e polos estudantes o grupo parlamentar de AGE solicitou xa unha visita ao centro para comprobar a situación que se está a vivir no centro e actuar en consecuencia.
Pero non se trata dunha situación illada tal e como sinalou Antón Sánchez na súa comparecencia, senón que é algo xeneralizado e que se está a repetir nos distintos centros de capacitación agraria nos que as queixas polas deficiencias e mal funcionamento son unha constante. “A drástica redución de persoal grazas as políticas do Partido Popular e os seus continuos recortes, que sumados a unha mala xestión dos recursos provocou a unha situación inadmisible que está a facer que moitos dos xoves que están agora mesmo cursando estudios nestes centros estean valorando a posibilidade de abandonar a súa formación” alertou Antón Sánchez xusto nun momento no que asegurou deberían contar con todo o apoio tanto de recursos como de persoal por parte do Goberno galego.
Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda esixe a Xunta de Galicia que abandone a súa liña de ‘Publicidade e Propaganda’ e aposte dunha vez polo rural galego impulsando políticas reais aproveitando o potencial do campo galego como unha saída da crise para moitos galegos e galegas.