A Xunta non mira polas rías

Santiago de Compostela, 18 febrerio de 2013.- Tras a visita a pasada semana da comisión parlamentar europea que constatou a grave situación de contaminación que está a padecer tanto ría de Ferrol como a de O Burgo, o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda presentou dúas preguntas ao pleno para que a Xunta de Galicia explique qué medidas vai tomar para sanear a ría de Ferrol e se vai a dragar a ría de O Burgo tal e como recomendou a comisión europea.

Para AGE as rías do Burgo, Ferrol e Vigo amosan o fracaso integral do goberno galego en materia de saneamento de rías e unha vez máis o grupo parlamentar chama a atención sobre os riscos para a saúde pública derivados da situación de contaminación das mesmas. No caso de Ferrol destaca “o severo proceso de degradación ambiental que lastra as potencialidades económicas, de emprego e para o lecer que acubilla esta ría” como destacou a vicevoceira, Yolanda Díaz.

“A falla do saneamento causa a progresiva perda de riqueza extractiva da ría así como do emprego asociado e a constante agresión cotiá que se deriva dos verquidos da planta de gas de Reganosa xogan en contra do futuro da ría que padece o desinterese ou complicidade da Xunta para pór fin a estas situación agresivas e ilegais” asegurou a vicevoceira de AGE.

No caso da ría de O Burgo a comisión europea foi clara ao sinalar que precisa un dragado urxente e inmediato o que para AGE merece unha resposta dilixente e colaboradora por parte da Xunta polo que Yolanda Díaz insta ao goberno galego a “deixarse xa de mentiras e deixacións”. As opinións interesadas do director de Augas de Galicia negando a situación de degradación case absoluta da ría e negando a veracidade das fotografías son para a vicevoceira de AGE “elocuentes da cegueira e desinterese dese mal traballador do interese público que é Francisco Menéndez”.

A Xunta está a vulnerar a lexislación mediambiental da Unión Europea tal e como constatou a propia comisión europea na súa visita cun informe que podería aparellar sancións a causa destas vulneracións. O grupo parlamentario de AGE insta a Xunta a explicar cales son as medidas que vai poñer en marcha con carácter urxente para paliar a grave situación que están a padecer as rías galegas

Relacionados