“A Xunta permite a Medtronic dirixir as unidades de cardioloxía nos hospitais da Coruña, Compostela, Vigo e Lugo”, denuncia Eva Solla en rolda de prensa

A deputada de En Marea e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla, vén de denunciar esta mañá en rolda de prensa a “ocultación por parte do Goberno galego da información relativa ao convenio asinado coa empresa Medtronic, así como a súa negativa de ofrecer información, tanto a Asociación de Doentes do Complexo Hospitalario de Santiago, como ao grupo En Marea”, unha información que “finalmente tivo que ser trasladada, despois de que a Comisión de Transparencia así o indicara”.

Respecto á empresa Medtronic, Solla incidiu que “trátase dunha multinacional que está a traballar de xeito permanente nas unidades de cardioloxía dos complexos hospitalarios de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e Lugo coa fin de probar os seus produtos usando as instalacións públicas en beneficio propio da empresa”, unha actitude que criticou duramente.

“O rexeitamento por parte da Xunta de informar e ocultar información á cidadanía é o xeito habitual de proceder do goberno galego”, afirmou Solla, que tamén “reclamará a información referente ao HULA, que non foi trasladada aínda por parte da Xunta pese a ser solicitada por En Marea”, conta.

Por todo isto, Eva Solla preguntará no Parlamento polos mecanismos, se é que os teñen, de control por parte da Xunta de Galicia do funcionamento desta empresa para evitar que se dean este tipo de situacións de suborno, así como se existen incentivos pactados aos profesionais por parte da empresa tanto a nivel económico como material. En Marea solicitará tamén os informes para tratar de impedir que estas empresas continúen a empregar o noso sistema público e os datos.

Ver a rolda de prensa dende:

Relacionados