A Xunta segue a improvisar contra o lume

 

O colectivo de axentes forestais e medioambientais de Galicia vén de denunciar hoxe en Compostela que “o dispositivo contraincendios está mermado” e que “non se cubren as xubilacións, as baixas ou as vacantes”, polo que se advirte de novo máis  improvisación e carencia de medios materiais.

Tal e como apuntaron os principais sindicatos do sector, “as brigadas helitransportadas da Xunta están en cadro, mentres que se destina a Natutecnia recursos millonarios para medios aéreos”, relatan.

Para a coordinadora nacional de Esquerda Unida, “estes feitos deixan en evidencia que o PP continúa na súa teima de desmantelar un servizo público, convertendo o modelo galego de prevención e extinción de incendios nun negocio a costa de precarizar as condicións de traballo dos profesionais e destinando recursos millonarios a empresas privadas”, explica.

Dende Esquerda Unida denunciamos, de novo, a errática política do PP en liña co intento de seguir beneficiando ás empresas privadas, como Natuctenia, e gastando diñeiro público de forma innecesaria e vergoñenta. Esta vez, na contratación dos medios aéreos de loita contra incendios, xa que mentres as bases públicas permanecen pechadas, outras bases xestionadas por empresas privadas están abertas.

A coordinadora de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, levou ao Parlamento a petición de apertura dunha mesa de negociación para o cumprimento da Lei de Emerxencias de 2007 e a necesidade de que se elabore un Estatuto de Bombeiro Profesional, o que o gremio segue a reclamar no día de hoxe. Neste senso, Díaz reclamou á Xunta de Galicia que “dunha vez por todas actúe e trate de chegar a unha solución para acabar coa dramática situación na que se atopan os bombeiros do noso país”.

Segundo Díaz, “se tivésemos unha norma que harmonizase ou normativizase as condicións de acceso a esta profesión”, obviamente, non existiría “ese entramado que teñen desenvolvido no noso país de distintas conivencias, tales como empresas que xestionan de maneira precaria e privatizada o servizo”, entre outras, e que “acaban por mandar a profesionais a facer funcións impropias (limpar cunetas, vixiar festas do pobo…), o que é unha grave irregularidade”.

Ao longo deste meses, os bombeiros galegos convocaron unha serie de manifestacións co fin de denunciar a privatización do servizo e a precariedade que padecen desde hai anos onde estivo presente Yolanda Díaz, sumándose unha vez máis ás xustas demandas deste colectivo e as súas iniciativas de mobilización e loita na consecución dun mellor servizo público nun eido tan básico para a seguridade da nosa cidadanía.

Relacionados