Subvención a discriminación

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2013.- Doce millóns de euros son os que leva destinados o Goberno de Alberto Núñez Feijóo a subvencionar colexios que discriminan alumnos por sexo desde que asumiu a presidencia da Xunta en 2009. No proxecto de Orzamentos de 2013, figuran outros tres millóns de euros. Ante unha proposición non de lei presentada polo deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Ramón Vázquez, e apoiada polos outros dous grupos da oposición –BNG e PSdeG-, para suprimir estes concertos, o PP respondeu cunha negativa asentada en argumentos que contradín a propia Constitución española. “Parece mentira que teñamos que debater sobre que Administración subvencione colexios que separan os nenos por razóns de sexo”, afirmou Vázquez.

“A Constitución di que en ningún caso poderá haber discriminación por raza, sexo, relixión ou opinión”, engadiu, “e esta Xunta discrimina ao apoiar con cartos cinco centros de ideoloxía católica e vinculados ao Opus Dei que discriminan”. Para o parlamentario de AGE, igual que ninguén defendería un colexio que separase aos rapaces negros dos brancos, tampouco é de recibo amparar, a partir dunha interpretación bastarda da “liberdade de elección de centro”, escolas que non permiten estudar xuntos a nenas e nenos. Ondee, ademais, non só se segrega aos alumnos, senón tamén os profesores, a quen non permiten ensinar a persoas de diferente sexo ao seu. “A segregación é propia de réximes de raíz fascista”, expresou Ramón Vázquez, antes de afear ao PP o seu “exercicio de imprecisión, demagoxia e ignorancia das fontes do dereito e da pedagoxía”.

 

Relacionados