Abandono do barrio de San Xóan

 

Javier Galán, edil do Grupo Municipal de EU, avanza que Esquerda Unida desenvolverá nos vindeiros días e nas diferentes comisións informativas unha ofensiva de demandas para que se atendan ás cuestións máis urxentes do barrio.  A primeira cuestión será a esixencia de urbanización  das rúas Basanta e Espiño, conforme necesitan as veciñas e veciños da zona, atendendo ao intenso tráfico que soportan e os riscos asociados a iste, e para cumprimentar un acordo plenario ao que se sumara o propio PP.

 

A nosa organización volverá a formular na vindeira Comisión que se faga efectivo o acordo plenario – entón votado polo Partido Popular na oposición – para facer efectivas estas beirarrúas. “Basta xa dun oportunismo que pide na oposición  canto nega ao chegar ao goberno”, denuncia o concelleiro da formación de esquerdas e ecoloxista.

 

EU vese na obriga de lamentar a inutilidade da figura  dos concelleiros de barrio, figuras decorativas que non están sendo quen de administrar con prontitude e cercanía as demandas veciñais.  Cuestións como o descoido das vías, coa maleza   crecendo nas gabias de Basanta, a falla de mantemento da sinaléctica ao non repasar os pasos de peóns  como o que se atopa ao carón da igrexa parroquial de San Xoán entre outros casos, son feitos que amosan a falla de atención para resolver as pequenas cousas por parte do Goberno. EU si vai demandar na Comisión de obras e servizos que se atendan a estas cuestións con celeridade.

 

Doutra banda e na comisión de urbanismo, Esquerda Unida vaise interesar pola situación de abandono  dun soar na rúa Espiño, para o cal este Goberno Municipal ten ferramentas infrautilizadas, caso da ordenanza de soares e inmobles abandoados, que precisa dunha efectiva posta en funcionamento mediante a elaboración do censo pertinente.

Relacionados