Abandono dos centros de ensino

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia a situación de abandono a que a Xunta de Galicia está a condenar aos centros educativos públicos do noso país con constantes e brutais recortes nas partidas de investimento e mellora nos existentes así como no apartado de novas construcións.

Os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron presentaron unha proposición non de lei no Parlamento galego na que se pon manifesto o deficiente estado de conservación da rede de centros públicos de ensino tal e como puideron constatar os deputados de AGE no traballo de campo e as numerosas visitas realizadas aos colexios.

A maior parte dos centros teñen mais de 25 anos polo que a falla de investimento na reparación e mantemento por parte do goberno galego están a provocar importantes problemas nos colexios agravados no inverno cando os escolares vense na obriga de convivir coas goteiras, humidades e inundacións. Así mesmo, as condicións de hixiene, salubridade e seguridade de moitas das instalacións educativas, distan moito de cumprir cos requisitos mínimos sobre todo no referido a cuartos de baño e comedores pero tamén nas aulas e espazos deportivos e de recreo.

Os orzamentos da Xunta de Galicia dirixidos á reparación, ampliación e mellora dos centros de ensino públicos de educación infantil, primaria e ensino secundaria pasou de mais de 22 millóns de euros do ano 2009 a pouco mais de 7 millóns nos últimos orzamentos o que supón unha redución  do 70% nos últimos cinco anos e que están a provocar os inaceptables problemas que se están a rexistrar nos centros escolares na actualidade. Polo que se refire as partidas contempladas nos orzamentos para a construción de novos centros, pasaron dos mais de 45 millóns de euros do ano 2009 aos pouco mais de 7 millón previstos para o ano 2014. A diminución das partidas contempladas para a construción de novos centros chega pois ao 80% cinco anos.

“É un feito probado que a rede de centros non atura por mais tempo o abandono no mantemento e mellora das súas instalación, o que está a provocar que o problema colla unhas dimensións cada vez mais difícil de abordar” tal e como destacou o deputado de AGE, Ramón Vázquez, quen sinalou que a intervención puntual sobre determinados centros a modo de remedio de urxencia non supón unha solución axeitada para un problema que xa é estrutural da rede de centros públicos de Galicia.

Ante esta situación o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha iniciativa na que se insta ao goberno galego a elaborar un Plan de Estudo e Inversións plurianual para a conservación e mellora da rede de centros públicos de Galicia no que se inclúa un estudo rigoroso sobre o estado dos colexios públicos e a necesidade de construción de novas instalacións educativas que se concrete na presentación dun informe público. Feito este primeiro traballo procederíase a elaboración dun programa de investimento plurianual que permitise afrontar unha axeitada planificación do gasto para a rehabilitación, reparación ampliación ou construción de centros públicos de ensino.

Relacionados