Abaratar o prezo do transporte local

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “en tempos de crise todos temos que arrimar o ombreiro, non é lóxico que as tarifas do bus increméntense mentres a concesionaria obtén 3,2 millóns de beneficios e o Concello achégalle 7,2 millóns de euros para aplicar as tarifas sociais”.

 

En Esquerda Unida – Os Verdes somos coñecedores que este é un problema herdado, pois o actual contrato de concesión, que está en vigor dende o ano 1986, ten establecida unha formula polinómica de pagamento. Mais tamén somos conscientes de que a formula está suxeita a interpretacións e que a meirande parte dos coruñeses e coruñesas consideran unha inxustiza que a Compañía de Tranvías este a obter grandes beneficios grazas ás subvencións municipais ao tempo que se aplican subas nas tarifas do bus urbano.

 

Esquerda Unida aposta pola unidade institucional para abaratar o prezo do transporte público colectivo. O que por unha parte sería un desahogo para as familias traballadoras coruñesas e por outra fomentaría o uso do transporte público, reducindo a utilización do vehículo privado e, xa que logo, desconxestionando o tráfico, mellorando a mobilidade e a calidade do aire da nosa cidade. En definitiva incrementando o benestar dos coruñeses e coruñesas.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes preguntará no Pleno ao Goberno municipal si non considera positivo acadar un pacto institucional na procura de reducir os prezos do transporte público. Concretamente:

 

“Non considera o Goberno municipal positivo acadar un pacto institucional entre todos os grupos municipais, a través dunha comisión de mobilidade non remunerada, que lle outorgue máis forza ao Concello para revisar o contrato da concesionaria en vindeiros exercicios e, así, reducir os prezos do transporte público colectivo, o que incentivará o seu uso e permitirá optimizar os recursos da propia Compañía de Tranvías, ao tempo que se consensua o Plan de Mobilidade que actuará como alicerce do proxecto de cidade de futuro?”

Relacionados