Aborto: “decidir fainos libres”

Ante a intención manifesta do actual Goberno de España de reformar a Lei 2/2010, de 3 de marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, en termos claramente restritivos e de eliminación de dereitos, máis de 30 organizacións galegas (políticas, sindicais, de mulleres, colectivos en defensa da sanidade e outras entidades sociais, uníronse baixo o manifesto “Decidir fainos libres” que aposta claramente polo dereito das mulleres a decidir libremente sobre a interrupción do seu embarazo como parte fundamental dos Dereitos Humanos das Mulleres, porque o exercicio deste dereito non pode ser regulado polo Código Penal.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para esixir ao goberno central o mantemento da lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. Con esta moción seguimos as recentes recomendacións que Nacións Unidas realizou a España, con ocasión da revisión do cumprimento do Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (PIDESC), onde recoñece os dereitos ao traballo, educación, seguridade social e o dereito a garantir o máis alto nivel posible de saúde, incluíndo a saúde mental, sexual e reprodutiva, sen discriminación algunha. Nelas, Nacións Unidas recomenda ao Estado/España garantir a plena aplicación da Lei Orgánica 2/2010 de 3 de marzo de 2010 en todo o territorio nacional e a adopción dun procedemento básico común a todas as comunidades para garantir un acceso equitativo á interrupción voluntaria do embarazo; para asegurar que o exercicio da obxección de conciencia por parte de médicos e doutros membros do persoal sanitario non constitúa un obstáculo para as mulleres que queiran pór fin a un embarazo. Así a moción na súa parte resolutiva indica:

Primeiro.- O Concello da Coruña acorda adherirse ao manifesto “DECIDIR FAINOS LIBRES” elaborado pola Plataforma Estatal en Defensa dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos que agrupa a máis de 140 organizacións sociais e de mulleres. Así mesmo, comprométese a colaborar coa Plataforma Galega recentemente constituída, que integra ata agora 31 organizacións de toda Galicia, promovendo as súas actividades a través dos medios de comunicación locais e con actividades de difusión do Manifesto.

Segundo.- Este Concello acorda esixir ao Goberno Central o mantemento da Lei 2/2010, de 3 de marzo, de Saúde Sexual y Reprodutiva y de la Interrupción Voluntaria del Embarazo. No mesmo sentido, acorda instar ao Goberno da Xunta de Galicia a poñer todos os medios necesarios para a implementación de dita  Lei, de xeito que garanta que as mulleres na nosa comunidade poidan exercer o seu dereito á interrupción voluntaria do embarazo, se así o desexan.

Terceiro.- Dar traslado destes acordos ao Goberno Central e a Xunta de Galicia.

Esquerda Unida súmase a campaña “decidir fainos libres” da plataforma en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos e anima aos coruñeses e coruñeses a participares na concentración que se desenvolverá hoxe as 20:00 h. no Obelisco, na que as mulleres e os homes de EU, encabezados polo seu coordinador comarcal, César Santiso, participarán a modo particular. Porque o dereito a decidir das mulleres sobre os seus corpos e as súas vidas está enfrontado co prototipo de feminidade que discrimina ás mulleres e que pretende impor o Goberno con esta anunciada reforma.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno do PP, ante a ineficacia da súa política económica, optou por aplicar a súa política ideolóxica máis conservadora, recortando os dereitos das mulleres. Unha perda de dereitos que suporía un risco para a saúde e a vida das mulleres, omitindo a obrigación do Estado de acordo coa normativa europea e internacional, de referendar a protección e seguridade xurídica en materia de dereitos sexuais e reprodutivos.

 

Relacionados