Academia Galega

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha interpelación no Parlamento de Galicia referido as axudas suplementarias que precisa a Academia Galega, logo do duplo recorte imposto polo Goberno Central nos seus orzamentos na partida destinada a Academia Galega.

Os membros do Grupo Parlamentar destacaron o feito de que é a Academia Galega, a que custodia da “estoutra patria da nosa lingua” nas verbas de Celso Emilio, e supón un elemento central na conformación da nosa identidade cultural polo que require dunha atención preferencial polas autoridades públicas galegas. As altas tarefas encomendadas á Academia como institución científica para o estudo da cultura galega e nomeadamente da ilustración, defensa e promoción do noso idioma, cobran hoxendía unha meirande relevancia cando tan poucos defensores ten a nosa cultura nas sedes do poder político do pobo galego.

A achega orzamentaria que recibe a Academia semella a todas luces insuficiente para atender o moi amplo abano de actividades que desenvolve. Da Academia depende a normativa do noso idioma e da  institución saen as fértiles ponlas dos seminarios de lexicografía ou sociolingüística, ou as seccións de historia ou literatura; ou o funcionamento do arquivo, da hemeroteca, as publicacións, etc., que son todas elas elementos necesarios para fomentar a nosa lingua e cultura e, xa que logo, de seren afectadas pola dureza e continuidade dos recortes quedarán gravemente comprometidas no desplegue do seu traballo.

Co duplo recorte orzamentario levado a cabo polo Goberno Central nos dous últimos orzamentos, cunha merma do 70% dos sempre escasos recursos, cobra perentoridade abordar a situación de discriminación que padece a Academia Galega a pouco que se tire unha comparativa con respecto as outras entidades análogas nas outras nacións do Estado, velaí o caso das Academias vasca, catalá e valenciá.

Por iso, o Grupo Parlamentar de Alternativa Galega interpela ao Goberno da Xunta de Galicia para coñecer as previsións que ten para aumentar a partida orzamentaria de 2013 para a Academia Galega, de xeito que provea subsidiariamente os recursos económicos perdidos nos orzamentos do Estado e achegue unha partida orzamentaria para 2013  semellante á das súas homólogas catalana e vasca.

 

A vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda, Yolanda Díaz, e os deputados parlamentarios, Xabier Ron e Antón Sánchez, manterán un encontro o vindeiro luns ás 11.30 horas coa Real Academia Galega.

· Lugar: Sede da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11)

· Día e hora: Luns, 3 de decembro ás 11.30 horas

 

 

 

Relacionados