Acceso a museos gratuitos

Semella necesario abarcar dende o eido municipal este tipo de medidas baseadas nunha estimulación positiva cara os desempregados, na procura que manteñan unha actitude positiva e proactiva diante da difícil situación que lles toca vivir por mor dunhas políticas neoliberais que non so os abocan ao desemprego, senón que recortan os seus dereitos sociais. Dentro deste tipo de medidas de estimulo psicolóxico Esquerda Unida propón que as coruñesas e coruñeses desempregados poidan acceder gratis aos museos científicos municipais. A proposta complementaríase con cursos e charlas realizadas polos técnicos dos museos científicos coruñeses, encamiñadas a incorporar unha serie de coñecementos relacionados coa temática de cada museo que permitan mellorar a formación das persoas desempregadas. Así, non so se promovería que estas persoas mantivesen parte do seu tempo “ocupado” e renovasen a súa cartilla do paro, cuxo abandono supón o paso previo a tirar a toalla, senón que poderían incrementar a súa formación cultural o cal outorgaríalles máis posibilidades de acadar emprego. Os desempregados e desempregadas que se incorporen ao programa gratuíto de museos poderán recibir ademais información por internet das actividades que desenvolva o museo, para poder elixir as actividades que máis lles interesen, tanto as de maior agrado persoal como aquelas que lles permitirán adquirir maiores coñecementos relacionados coas súas capacidades laborais.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes defende que a difusión cultural debe formar parte da loita contra a desigualdade, polo o concello debe velar para que ningún coruñés ou coruñesa vexa restrinxido o acceso á cultura por problemas económicos. EU propón esta iniciativa como mostra de solidariedade cos parados. A nosa proposta segue a tendencia das iniciativas que xa desenvolveron o Guggenheim, ou á que dende febreiro leva poñendo en marcha o Museo de Belas Artes de Bilbao, facilitando así o acceso á arte daquelas persoas que quedaran sen traballo, facéndose así «sensibles ás dificultades que afectan a moitos e moitas cidadás».

O voceiro de EU-V, César Santiso, sinalou que “as medidas solidarias son positivas non so para que ningún coruñés se quede atrás, senón para que a administración tome conciencia de que o primordial é centrar o gasto público no emprego. Sen ben a reincorporación laboral deberá ser o primeiro obxectivo a cumprir, mentres tanto o contexto económico non o permita, os poderes públicos deberán facer o posible para protexer á persoa desempregada, e que mellor xeito de o facer que través da promoción da cultura que está á súa disposición dento da cidade”.

Relacionados