O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda presentou esta mañá unha Proposición non de Lei relativa a medidas urxentes para garantir o acceso a unha vivenda digna.
O Estatuto de Autonomía de Galicia e a Constitución amparan o dereito de toda a cidadanía a dispoñer dunha vivenda digna e axeitada, para o cal os poderes públicos deben realizar políticas activas que fagan efectivo ese dereito. Dereito que tamén se deriva para os gobernos da Xunta e Central das obrigas internacionais asumidas polo Estado español; en concreto do artigo 25 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e do Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, no artigo e Observacións Xerais 4 e 7.
Contra este amplo sostén legal, os sucesivos gobernos teñen descoidado este dereito fundamental para o exercicio da nosa condición de cidadanía social e a realidade atroz amosa desafiuzamentos, perda de vivendas, sobreendebedamento das familias a causa da burbulla inmobiliaria e un país cheo de vivendas baleiras.
O crecemento moi elevado dos prezos da vivenda nos anos do boom inmobiliario (1997-2007 ) explica as enormes dificultades que teñen as familias traballadoras para poder contar cunha vivenda digna, ao estar case todas as políticas públicas orientadas á compra de vivenda no chamado mercado libre, onde máis feroz é a especulación. As máis de dúascentas mil vivendas baleiras no noso país son expresión elocuente da falla das políticas públicas dirixidas a garantir unha vivenda digna a toda a nosa cidadanía. Máis de mil trescentos núcleos poboacionais sen vida. E como resultado a depredación territorial e o desartellamento social e do territorio cando se reduce a vivenda a un ben de cambio, a unha mera unha fórmula para especular contra todas e todos nós, contra os dereitos da cidadanía galega.
O Censo de Poboación e Vivendas de 2001 consignaba 3.091.596 vivendas baleiras no Estado, que segundo todas as previsións serán máis de seis millóns cando se conclúa o censo actual, para acadar un 20% do parque total de vivendas. Toda unha emenda á totalidade a unha política rendida ao negocio do ladrillo. Un desbaldimento social e territorial inaceptable, cando a Constitución recoñece a función social da propiedade. Xa que logo, en cumprimento dos mandatos legais enunciados supra así como do artigo 33 da Constitución, que limita o dereito de propiedade para subordinalo á función social que esixan os intereses xerais da sociedade.
Ante isto o Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha Proposición non de Lei na que insta á Xunta de Galicia a reclamar do Goberno do Estado a derrogación do Decreto 27/2012 e a presentar como goberno galego unha iniciativa lexislativa urxente coas seguintes orientacións básicas:
1.- Elaboración dun Plan Integral de Vivenda Pública e Rehabilitación, que integre a constitución do Parque Público de Solo, e garanta a toda a cidadanía galega o exercicio efectivo do dereito a dispoñer dunha vivenda digna.
2.- Que nos procesos de execución hipotecaria tramitados de acordo co estabelecido no capítulo V, do título IV do libro III da Lei de Enxuízamento Civil nos que o ben sexa a vivenda familiar habitual do debedor, séxalles aplicado o disposto nos artigos 693.3 e 579 da devandita lei.
3.- Que con carácter retroactivo, nos procesos de execución hipotecaria da vivenda familiar habitual nos que se celebrara subasta, o executante non poderá pedir que se despache a execución dineraria. No caso de que xa comezar a execución dineraria, darase por rematada a execución quedando extinguida a débeda principal xunto cos xuros e costas.
4.- Que as vivendas que formen parte dos activos achegados á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria destinaranse a vivenda pública en aluguer a prezo protexido, instando a Xunta de Galicia ao Goberno Central a formalizar un convenio co IGVS, así como con entidades sen ánimo de lucro e con redes de intermediación social. O pago mensual do importe da renda non poderá superar en ningún caso o 30% dos ingresos líquidos mensuais da unidade familiar.
5.- Que se estabeleza un convenio entre o Ministerio e a Xunta de Galicia para recuperar todas as vivendas baleiras con protección pública propiedade das entidades financeiras e /ou diferentes organismos das administracións públicas para súa reconversión en vivendas públicas protexidas en aluguer con prezos de módulo axustados á baixa, para que en ningún caso poidan exceder o limiar do 30% dos ingresos líquidos mensuais da unidade familiar.






