Acción municipal en Albada

Para o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes resulta intolerable que o PP na oposición denunciara os enganos masivos na xestión da planta de reciclaxe e actualmente defenda a empresa de Florentino Pérez. O que o Concello ten que imprimir é seriedade. Ou Albada cumpre co seu contrato, ou que se marche, non hai máis que debater. Se non se cumpre co estipulado, se a reciclaxe non existe, e se aínda por riba a empresa céntrase en despedir aos seus traballadores, que nos queda logo? Pois regalarlle os cartos por non facer NADA do comprometido, que é o que actualmente está a facer o Concello.

Esquerda Unida considera que a única razón para non intervir a Albada é que o goberno municipal está entregado a Florentino Pérez. Así o goberno municipal permanece impasible diante dunha folga de tres meses e a continuada estafa social de Albada. No ano 2010 o goberno do PP, na oposición, solicitaba unha auditoría económica e operativa para coñecer a realidade de Nostián e para poñer en marcha un plan de viabilidade para garantir que se cumprisen os obxectivos de reciclaxe do proxecto original. Semella canto menos sorprendente que agora que dispoñen desas auditorías non as fagan públicas e non tomen medidas ante os fallos de xestión.

A actual concesionaria Albada, lonxe de procurar outorgarlle ao concello un servizo de calidade cun alto grado de reciclaxe, buscou dende o primeiro momento acadar o máximo beneficio co mínimo investimento, e o fixo co silencio cómplice de PSOE e PP.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o PP pretende que a cidadanía pague os pratos rotos con un canon do lixo por un reciclaxe que non se realiza. O Concello ten a obriga de actuar ante un presunto fraude“.

Relacionados