Accións políticas para os migrantes

 

Para o deputado, “saímos dun proceso de cambio electoral no que tamén se inicia un proceso de transformación; polo que dende Esquerda Unida queremos chamar a atención para que neste cambio non queden excluídas as persoas migrantes, tanto as que están en situación regular como as que están en situación irregular”. E continúa: “E dicimos isto porque existe unha normativa que impide que as persoas migrantes sexan suxeitos protagonistas activos da transformación que se está a dar. E por isto nós entendemos necesario chamar a atención para que se suprima o comportamento racista da estrutura institucional así como toda a letra racista ou discriminatoria da lexislación existente”. “E por iso, ­—segue a sinalar Ron—, que a través do noso grupo parlamentario AGE rexistramos tres iniciativas que van en tres eidos diferenciados (social-policial, sanitario e laboral) e que conflúen na necesidade de recuperar dereitos de cidadanía para as persoas migrantes e de garantir os Dereitos Humanos”.

Accións no eido social-policial

A primeira tratase dunha chamada de atención sobre os voos de deportación de persoas estranxeiras que se organizan desde Madrid e desde outros puntos do Estado e que pedimos o seu cese. Segundo Ron, “a propia Subdelegación do Goberno de A Coruña afirmou que estes voos se enchen por criterios de eficacia e eficiencia”, polo que afirma que, cando hai que encher un voo, “comeza unha verdadeira cacería para as persoas migrantes, polo que esiximos que cesen esta persecución e os propios voos de deportación”.

Os voos de deportación lévanse a cabo dende Globalia, da que forma parte Air Europa, e que levan 12 millóns de euros ao ano dende o Ministerio para cometer estes atropelos. Con toda conciencia, o diñeiro imponse aos Dereitos Humanos”, afirma.

Neste senso, “esta persecución policial racista é inadmisible en democracia e só ten o fin de cubrir as prazas dos voos de deportación previstos. Para isto, lévanse a cabo identificacións racistas en espazos públicos de uso habitual, tales como estacións, centros de saúde, etc.”; por iso, na iniciativa solicitamos mecanismos de defensa e de tipo procesal, así como outras medidas, como un diálogo cooperativo inter-administrativo para establecer protocolos que garantan os dereitos da cidadanía e das persoas migrantes que neste momento están desprotexidas e “viven con medo”.

Accións no eido sanitario

A segunda das iniciativas fala da exclusión sanitaria que sofren as persoas migrantes, tal e como reflicten os Informes de Médicos do Mundo. “En Galicia, o Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública (PGPSSP) foi un mal parche para atallar esta situación, xa que os informes do Médicos do Mundo informan de que existen casos de descoñecemento de normativa, que se producen casos de discriminación e racismo no acceso á saúde e que as persoas migrantes teñen medo á hora de esixir os seus dereitos sanitarios”. “O caso máis grave é en relación ás mulleres embarazadas, ás urxencias por enfermidade ou accidente e os menores de 18 anos. Nestes casos prodúcense graves violacións do dereito humano á saúde, xa que, ao non ter tarxeta sanitaria, e polo tanto non poder acceder aos servizos de atención primaria, as persoas destas tres condicións deberían ser atendidas sen problemas”, explica.

“Mais, se nos fixamos nos feitos, aconteceu que se produciron abortos non desexados por non recibir a atención médica, ou persoas gravemente enfermas que non entraron nos centros, senón que voltaron á súa casa a curar…ou morrer, uníndose a iso as dificultades para poder pagar medicamentos, e menores aos se lles denegou a atención. Ademais, nestes casos, tamén, figura a obrigatoriedade, non contemplada na Lei, de asinar un compromiso de pago, que actuou cun poderoso efecto disuasorio”, di.

Por todo isto, “nós exisimos que a Xunta esixa ao goberno do Estado que derrogue o Real-Decreto 16/2012 e devolva a universalidade a todo o proceso de atención sanitaria: asistencia, diagnóstico, seguimento e medicación. En segundo lugar, instamos ao executivo galego a que estableza protocolos claros para que as persoas migrantes podan ser atendidas en Atención Primaria, atendendo ao principio básico da universalidade e do respecto do dereito á saúde. En terceiro lugar, esiximos que se garanta, mentres non se produza o anterior, o cumprimento do Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública (PGPSSP) para impedir que se dean os casos de violación do dereito á saúde nos casos de: mulleres embarazas; urxencias e menores de 18 anos”, sinala Ron.

Accións no eido laboral. Acceso á RISGA

A terceira das iniciativa pregunta ao goberno galego polos datos concretos sobre a denegación da RISGA a persoas migrantes que non figuren no Rexistro Central Estranxeiros, xa que este requisito, que non figura na Lei de Inclusión Social de Galicia, é unha aberración. Para estar en dito Rexistro hai que acreditar suficiencia económica, algo que é incompatible, loxicamente, coa solicitude dunha prestación social de supervivencia como é a RISGA. Semella, a todas luces, unha decisión arbitraria da Xunta de Galicia, por iso, desexamos saber cales son os datos que obran en mans do executivo galego.

Finalmente, Xabier Ron aproveitou a ocasión para animar as persoas a acudir á Asemblea do Foro Galego de Inmigración que se organiza todos os anos e que este ano terá lugar na cidade de Lugo, o 13 de xuño, a partir das 10.30 “para que as persoas migrantes vexan que non están soas na súa loita silenciosa polos seus dereitos de cidadanía”, declarou.

Relacionados