Acordo de Portos e Repsol

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes saúda o acordo acadado entre Portos e Repsol mais esixe que inmediatamente se fagan públicos tódolos detalles do contrato. A compañía e a Autoridade Portuaria non desvelaron ata o momento as condicións nas que se producirá o abandono dos actuais peiraos petroleiros e a cidadanía ten dereito a coñecer polo miúdo as condicións do acordo. En todo caso EU, apesares de ser consciente das eivas no seu deseño e localización así como o excesivo custe da infraestrutura, quere poñer en valor Punta Langosteira como motor económico da bisbarra coruñesa.

Esquerda Unida insta ao Goberno municipal a aproveitar o traslado de Repsol ao porto exterior para promover o tráfico de contedores e xerar emprego. Os 180.000 m2 do porto permitirían un tráfico anual de entre 360.000 a 540.000 contedores, supoñendo unha o que á súa vez suporía unha oportunidade de ouro para a reactivación da economía local, cunhas estimacións de xeración de emprego de entre 2300 e 3200 postos de traballo

Para que Punta Langosteira actue como revulsivo económico é imprescindible que se conclúan e se aproveiten dunha vez as instalacións do eivado porto exterior, creando as conexións axeitadas, tanto por estrada como ferrocarril, para facer os traslado pertinentes das actividades que actualmente son desenvolvidas nese Peirao, coma o almacenamento de Carbón destinado á central de Meirama (co que tamén se eliminaría a contaminación recibida polos veciños/as dos Castros e Oza), así coma dos grans de cereais, graneis, etc.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “A Coruña precisa emprego e industria, esiximos ao goberno local que non caia na tentación da especulación e aproveite esta oportunidade para xerar miles de empregos. Asemade tamén esiximos ao goberno municipal que se implique e preme ao Ministerio de Fomento na construción conexións terrestres e ferroviarias que permitan a fluidez necesaria para lle dar utilidade a esta faraónica infraestrutura. Ese debería ser o principal traballo de Negreira para os próximos meses, de non conseguilo haberá fracasado como alcalde,  como coruñés e como político”.

Relacionados