Acordo por tributación máis xusta

 

Primeiro mediante a presentación de alegacións, posteriormente a través do seu voto particular ao ditame da Comisión de Facenda e Administración Pública xunto coa insistente solicitude de diálogo co equipo de Goberno.

 

Así pois, logo de longas negociacións, Esquerda Unida pecha un acordo co Goberno municipal para acadar unhas ordenanzas fiscais máis xustas e xeradoras de emprego. Durante varios días abriuse unha liña de negociación cun diálogo fluído entre o voceiro de EU-V, César Santiso, a tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Gallego e o concelleiro de Facenda, Roberto Coira, froito da cal chegouse a consensuar unha serie de modificacións das ordenanzas que benefician á cidadanía.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes obtén o apoio do Goberno local ao seu voto particular ás ordenanzas fiscais que inclúe propostas para a promoción da reactivación económica e do cambio do modelo produtivo, fomento do acceso a vivenda e progresividade fiscal. Concretamente modifícanse as ordenanzas fiscais relativas aos impostos de IAE, IBI e Plusvalía, con axudas aos novos emprendedores, fomento da eficiencia enerxética, do uso de enerxías renovábeis e da mobilidade sustentábel, prorrogando a cinco anos o período de bonificación para as vivendas de protección oficial e similares e acadar unha tributación máis equitativa mediante bonificacións progresivas, así as persoas con menos recursos recibirán unha bonificación do 95% na Plusvalía, mentres que os mileuristas terán unha bonificación superior a das rendas superiores.

 

César Santiso, indicou que “esta é unha nova demostración de que outra política é posíbel, a política do diálogo e a oposición construtiva que achega iniciativas para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

 

Santiso afirmou “pega a pena as horas de negociación cando son para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Non cabe dúbida que a nosa proposta inicial era moito máis incisiva en canto a progresividade fiscal, promoción económica, cambio de modelo produtivo e xustiza social, mais o acordo significa un importante avance, asemade temos o compromiso do Goberno municipal para comezar axiña a dialogar as ordenanzas fiscais do 2013, con vistas a incorporar o resto das nosas achegas non aceptadas como o incremento da tributación ás grandes empresas con beneficios como a refinería, os bancos e as compañías de telefonía móbil que permitan cadrar a economía do Concello unha vez incorporadas o resto das nosas medidas. En definitiva posibilitar que os que máis teñen colaboren en maior medida na saída da crise.

Relacionados