Acordo Porto-Repsol

Esquerda Unida saúda o preacordo entre a autoridade portuaria e Repsol para o traslado da descarga de cru a Punta Langosteira que supón o 56% da actividade da petroleira no porto coruñés. Non cabe dúbida que o devandito traslado é unha boa noticia para os coruñeses e coruñesas pois semella que por fin desaparecerá a situación de risco a que nos vimos sometidos durante décadas, debido aos catro millóns de toneladas de petróleo que circulaban anualmente pola nosa cidade.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes insta ao organismo portuario a que na maior brevidade posible informe sobre datas e condicións do traslado, así como a formalizar a mudanza do resto de descargas de Repsol así como as de carbón. Pois así poderá reorganizarse o porto interior para potenciar o tráfico de contedores, grazas a que o peirao do centenario disporá de 180.000 m2 que permiten un movemento anual de entre 360.000 e 540.000 contedores, cantidade que supón entre un 6 e un 9% do tráfico de contedores entre América e Europa que segundo a ONU no 2015 chegará aos 6 millóns.

Esquerda Unida estima que o tráfico de contedores xeraría entre 2.300 e 3.200 postos de traballo reducindo o desemprego nun 10% na cidade coruñesa. Diversos estudos científicos sobre o tema estiman que o impacto económico en termos de xeración de emprego da actividade de importación/exportación de contedores, establece un coeficiente de 6,5 postos de traballo por cada 1000 contedores.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “co traslado ao porto exterior de Repsol, a medusa de carbón que abastece Meirama e outros graneis sólidos estaremos en disposición de xerar entre 2.300 e 3.200 empregos no sector do tráfico de contedores, pois apesares da crise este sector segue a crecer e na actualidade supón o 75% do tráfico marítimo que constitúe o 90% do comercio mundial. Precisamente o porto coruñés ten mellores condicións e maior proximidade ás rutas comerciais procedentes de EEUU, o que lle outorga avantaxe cos portos de Rotterdam, Amberes, Amsterdam e Hamburgo que na actualidade aglutinan o groso do tráfico, mentres que na Coruña tan so chegamos ao 0,1%.

César Santiso, subliñou a importancia de que os poderes públicos redobren esforzos para acadar as condicións ideais que permitan atraer o tráfico de contedores, pois do éxito das súas xestións deriva a posibilidade de reducir nun 10% o desemprego na Coruña.

Relacionados