Esquerda Unida preguntará no pleno cales son os motivos polos que o goberno municipal está a promover o acoso ao colectivo de nixerianos, primeiro foron os senegaleses, agora son os nixerianos que dende xaneiro está a recibir un acoso sistematizado. Esperemos que este modus operandi non se corresponda con algún tipo de prexuízo do PP para cos cidadáns de color.
Con este tipo de actuacións, o goberno local, lonxe de buscar solucións para un colectivo desfavorecido que encontra na venta ambulante o seu único medio de subsistir, está a empuxalo cara á exclusión social.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao goberno local a que utilice os recursos policiais para mellorar a seguridade cidadá, a loitar contra a violencia de xénero e a mellorar a mobilidade da cidade. Porque non ten sentido que se utilicen os escasos recursos en perseguir a persoas cuxo presunto delito está tipificado como falta leve.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “para resolver esta situación, hai que ir a raíz do problema, xa que logo, o goberno municipal debe habilitar ferramentas para regularizar a venda ambulante”. neste sentido e froito do traballo conxunto con diversas organización que traballan neste eido como o Foro Galego da Inmigración ou a Asociación Sen Papeis da Coruña, facemos as seguintes propostas coa vontade de que o goberno municipal se digne a entaboar un proceso de diálogo, de cara a resolver o problema:
· Compromiso do concello en mostrar tolerancia cero ante os feitos de racismo e discriminación por motivos étnicos ou de nacionalidade.
· Que o Concello facilite o acceso ás situacións de arraigo, mediante os informes municipais positivos, así como facilitar os procesos de empadroamento para as persoas estranxeiras, con e sen papeis.
· Que o Concello facilite o acceso a licencias para a venda ambulante e autorizacións para o traballo por conta propia, así como o acceso aos cursos de formación e capacitación laboral para persoas estranxeiras, con e sen papeis.