Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2013.- A submisión dos Estados europeos á política imperial dos Estados Unidos viviu hoxe un esperpéntico e gravísimo episodio, no que se demostrou, ademais, que o Estado español non é máis ca un vasalo, un protectorado ao servizo da reacción mundial. Alternativa Galega de Esquerda (AGE) considera intolerábel a aldraxe democrática á que os Estados europeos someteron ao presidente de Bolivia, Evo Morales, ao impedir ao seu avión atravesar os seus espazos aéreos. O Goberno pantasma e tutelado de Mariano Rajoy axiña se sumou a unha decisión, tomada unilateralmente polos Estados Unidos, que implicou a retención, durante máis de doce horas, da nave presidencial no aeroporto de Viena. Segundo o Executivo estadounidense, a bordo da mesma viaxaba Edward Snowden e iso serviu para que a pretendida Europa liberal acatase ordes de contado e colaborase na obstrución do voo.
Para Alternativa Galega de Esquerda, este ataque á soberanía de Bolivia é unha mostra máis da soberbia autocrática, nostálxica do máis rancio colonialismo, coa que actúan os Estados europeos. O grupo parlamentario decidiu solicitar de urxencia a convocatoria da xunta de portavoces do Parlamento de Galicia para que a Cámara condene os feitos.






