actividades_extra1.jpg - 69.94 Kb

Actividades extraescolares

 

 

O Grupo Municipal de  Esquerda Unida  quere denunciar a situación que están a sufrir as nenas e nenos dos colexios públicos da cidade, e as súas familias, perante a situación creada – sen visos de arranxo – acerca da falla de programación das actividades extraescolares nos centros escolares. Nos colexios públicos  da cidade toda a información que teñen as familias e que non hai data de comezo das actividades extraescolares. Todo isto cando estamos en xaneiro, superado o primeiro trimestre académico.

 

Temos que criticar con dureza que nun tema da meirande importancia a concellería desminta os seus compromisos públicos acerca da posta en funcionamento da programación das actividades extraescolares:a finais de setembro a concelleira de educación  indicaba que xunto as actividades doutros anos se engadirían  outras novas, caso de acordeón, artes plásticas ou fotografía. A   penosa  realidade actual é que non hai actividades extraescolares nos colexios públicos da cidade e que esta situación non ten data de resolución.

 

O Grupo Municipal de Esquerda Unida demanda da concellería de educación que poña remate o seu malfacer e faga efectivos os compromisos para desta maneira garantir que a  partires de febreiro haxa unha programación de actividades extraescolares  financiada con cartos municipais nos centros públicos.

 

As nenas e nenos de Ferrol e as súas familias non merecen a inacción e malfacer da concellería de educación, subliña Sari Alabau, membro da Comisión de Educación do concello.

 

Esquerda Unida considera indispensable proceder a arranxar esta situación de parálise e deixación de responsabilidades  na prestación dun servizo complementario no eido educativo de primeira importancia para as familias e as súas crianzas. Estas actividades forman parte dunha concepción integral da educación e supoñen unha achega decisiva para acercar os centros o seu entorno. Non caben máis atrasos, cómpre unha acción rápida e dilixente para que sexan unha realidade dende febreiro.

Relacionados