Alternativa Galega de Esquerda levou as súas propostas ao paraninfo do IES Lucus Augusti de Lugo. Os candidatos á Xunta de Galicia, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, acompañáronse polas cabezas provinciais, Ramón Vázquez e María Casar. O acto foi introducido polo Secretario Xeral do PCG, Carlos Portomeñe.
Yolanda Díaz e o profesor Beiras afirmaron que é posible mudar as políticas que hoxe se presentan como inevitables, só fai falla a vontade de levalas ao cabo.
A hora de escoller entre a mentira e a esperanza
Carlos Portomeñe e María Casar reivindicaron a historicidade do momento e amosáronse convencidos de que a actual movilización social serverá para limpar e mudar as ferramentas de goberno a prol da maioría social.
Ramón Vázquez salientou a importancia dunha coalición que defende a democracia real perante outra formada por defraudadores e ladróns. O cabeza de lista pola provincia de Lugo asemellou que se culpabilice da crise económica á cidadanía coa lóxica dos maltratadores, que tentan convencer ás súas vítimas de que elas son as culpables. “É hora de escoller entre a mentira e a esperanza”.
Democracia é ter dereito a un traballo, vivenda digna, sanidade e educación
Yolanda Díaz abríu a súa intervención apelando a perder o medo que paraliza a cidadanía, porque “os baqueiros e defraudadores non teñen medo”. A candidata defendeu a necesidade de mudar a rabia pola participación activa do pobo na política.
Denunciou un sistema de quenda partidaria que esquece os dereitos da xente. “Democracia é ter dereito a un traballo, vivenda digna, sanidade e educación”.
Prometeu que, tras encher as cadeiras do Parlamento Galego o 21 de outubro, ao día seguinte seguirán a tecer a revolución cívica para reverter a orde social establecida. “Xuntos somo invencibles”, sentenciou a candidata ferrolá.
A culpa non é nosa
Xosé Manuel Beiras acusou ao poder actual de tentar retornar os dereitos civís 40 anos atrás. Afirmou que, de se esgotaren os cartos, haberíanse de rematar “para o burato do Gaiás, para a educación sexista, para os bancos e a especulación” e avogou por reforzar os servizos básicos: educación, sanidade, servizos sociais, traballo e industria.
Para mudar a situación, Beiras apoiouse na “rebelión da poboación consciente” e presentou a AGE como a opción que levará as propostas das diferentes plataformas cidadás a un Parlamento que “voltará a ser o motor da política e non do Goberno”.