Acto central en Oleiros

Dende o seu palco, Yolanda Díaz, número dous pola provincia de A Coruña, afirmou que o Partido Popular está derrotado, pois é un goberno que non pode saír á rúa sen acompañarse das forzas de seguridade.

A xenerosidade fixo posible a alternativa

A presentación do acto correu ao cargo de Suso Díaz, histórico sindicalista e pai de Yolanda Díaz. Presentou a coalición salientando a xenerosidade dunhas persoas que “aparcaron as súas lexítimas diverxencias para frear o ataque ás liberdades e dereitos sociais”.

Definíu a Alternativa como unha fronte de esquerda capaz de artellar un programa político alternativo á estafa dos especuladores. Finalmente, presentou os dous obxectivos primordiais da coalición: derrotar á dereita galega e ter un grupo parlamentario forte que que condicione a política do país.

Estamos nun teatro pero non viñemos a facer teatro

Mari Luz Casal, avogada feminista e número seis pola lista de A Coruña, salientou que Alternativa Galega de Esquerda non chegou para facer teatro, senón para rematar coas mentiras.

Afirmou que o Partido Popular ten medo de Xosé Manuel Beiras, aludindo ás verbas de María Dolores de Cospedal, quen onte tentou desvirtuar a imaxe do histórico líder nacionalista dicindo que non estaba capacitado para entrar en ningún parlamento.

Rematou a súa intervención pedíndolle á xente que actuase de altofalante da coalición para frear entre todos a “tremenda privación de liberdades que hoxe vivimos”.

Feijóo endebedounos a cambio de nada

Chegou a quenda de Antón Sánchez, enxeñeiro agrario e número tres na lista pola provincia de A Coruña. Na súa intervención quixo deixar claro que a coalición non fala de utopías. “O sistema está formado por cousas concretas e que temos diagnosticadas. Non falamos de abstraccións”.

Para iniciar o cambio, afirmou que non é suficiente con desaloxar aos xestores do sistema, pero que “é o primeiro paso, xa que gobernan en contra da cidadanía”.

Atacou directamente a xestión de Alberto Núñez Feijóo. “É o peor presidente da historia de Galicia. Duplicou o número de parados e a débeda que recolleu do bipartito. Endebedounos a todos a cambio de nada”.

eguinte comunidade que vai ser rescatada é GaliciaA sYolanda Díaz arremeteu sen contemplacións contra o Partido Popular e amosouse segura da forza da coalición. Comezou sinalando a situación dun goberno derrotado que “non pode saír á rúa sen as forzas de seguridade”, referíndose aos actos de Ferrol, O Grove e Compostela, nos que Alberto Núñez Feijóo atopouse con grupos de traballadores e afectados polas preferentes que o increparon incesantemente.

Fixo fincapé na “falsa imaxe de Feijóo, que se presenta coma un bo xestor cando todos os datos oficiais sinalan que Galicia é a comunidade máis endebedada do Estado español e que será a seguinte en pedir rescate”. Fronte esta situación, sinalou que Alternativa terá como prioridade rescatar aos cidadáns e non aos bancos. “Non haberá democracia ata que os defraudadores non saian da súa casa esposados cara ao banquillo dos acusados”, espetou a candidata á Xunta.

Continuou debullando as primeiras accións que levarán ao Parlamento: asegurar que ningunha persoa será vítima de desfiuzamentos e que todos contarán cunha renda social básica.

Para rematar, tivo unhas verbas en relación á polémica suscitada polas declaracións do luns de Xosé Manuel Beiras no mitin de Lugo, onde afirmou que Feijóo estaba a matar a máis xente que todos os grupos terroristas que houbo no Estado. “Beiras ten razón. Hai estudos rigorosos que indican que as restricións na sanidade pública traen mortes. Ademais, esta crise está a incrementar o suicidio no noso país de xeito exponencial”.

Relacionados