Acto en reivindicación do galego

Esta actividade forma parte do conxunto de mobilizacións que EU prepara co gallo do Día das Letras Galegas e que culmina coa participación na mobilización nacional en Compostela o vindeiro día 17 der maio.

O acto para reivindicar o valor de vivir en galego vaise realizar no pub Cazadores, este mércores, 16 de maio, vésperas do Día das letras Galegas,  ás 22:00 horas, e contará coa participación de Xosé María Dobarro, que fará unha presentación xeral de Valentín Paz Andrade, persoeiro homenaxeado este ano, para logo seguir cunha pequena escolla de poemas  a cargo de Guillermo Ferrández e Karlotti Valle.

 

Esquerda Unida anima a nosa cidadanía a achegarse a unha actividade chamada a combinar a reclamación dos nosos dereitos lingüísticos e culturais cunha formula amena e de lecer nas vésperas dunha xornada para exercer os nosos dereitos lingüísticos e culturais como cidadanía crítica na manifestación nacional en Compostela.

 

Diante do meirande ataque á lingua e cultura galegas dende a transición democrática, Esquerda Unida considera necesario desenvolver e apoiar todas as iniciativas conducentes a procurar un futuro de igualdade para o galego, que mediante o desenvolvemento de políticas públicas ten que superar no medio prazo a condición de lingua minorizada na que se comprace en mantelo o PP.

Relacionados