Acto homenaxe a Marcelino Camacho

 

Esquerda Unida saúda e agradece a iniciativa do concello de Oleiros de adxudicar o nome de Marcelino Camacho ao parque situado na urbanización Rialta de Dorneda. Camacho, dirixente obreiro e comunista, defensor da liberdade e dos dereitos dos traballadores e traballadoras, dedicou toda a súa vida á conquista dunha sociedade máis xusta e solidaria. Tanto na guerra como no exilio, na ditadura ou na liberdade sempre loitou xunto aos traballadores e traballadoras.

 

A súa vida estivo dedicada á loita polos seus ideais, polas liberdades deste país e pola defensa dos traballadores e traballadoras. Foi un dos fundadores de CCOO na clandestinidade e, por iso, en 1967, detivérono no chamado “Proceso 1001” onde o condenaron a 20 anos de prisión. Saíu en 1975 por un indulto real, aínda que despois volveríano a deter. En 1976 elixírono membro do Comité Executivo do PCE e Secretario Xeral de CCOO, organización sindical que dirixiu até 1987. Como Secretario Xeral de CCOO convocou en solitario a primeira folga xeral en 1985. Ademais, tivo unha destacada presenza nas mobilizacións contra a OTAN de 1986 e nas estudiantís do curso 86/87. En 1977 foi elixido deputado por Madrid pola lista do Partido Comunista.

 

Ao acto acudiu unha delegación do consello comarcal de EU Coruña, encabezada polo seu coordinador comarcal, César Santiso, quen declarou que “os coruñeses temos envexa sa do homenaxe desenvolvido hoxe en Oleiros, algo que Esquerda Unida tentou en decembro na Coruña mediante a presentación dunha moción, máis atopouse coa nula vontade do Goberno local”.

 

Asemade, César Santiso anunciou que EU votará a presentar unha moción para que o pleno aprobe a adxudicación dunha rúa ou praza a Marcelino Camacho coa esperanza que nesta ocasión o Goberno coruñés recapacite e permita aos coruñeses e coruñesas gozar dun espazo público que faga honra ao líder sindical e manteña viva a memoria histórica dos loitadores pola liberdade e os dereitos da clase traballadora.

Relacionados