Esquerda Unida insta ao goberno galego a que conceda a medalla ao mérito da protección civil aos bombeiros que se negaron a ser cómplices no desafiuzamento de Aurelia. Na certeza do valor fundante que ten para a convivencia social o exercicio cotián dos valores da solidariedade, que efectivamente presidiron a actuación dos bombeiros da cidade da Coruña que, requiridos a forzar violentamente o dereito dunha muller á vivenda digna, negáronse nun digno e solidario exercicio de conciencia a seren cómplices dunha inxustiza.
A vella e clásica distinción entre lei e xustiza cobra actualidade e nós impón, neste tempo da crise da globalización económica neoliberal, obrigas difíciles mais necesarias; obrigas nas que se pon en xogo a nosa dignidade e solidariedade, valores sen os cales non hai convivencia cidadá, apenas un exercicio gladiatorio de egoísmos desiguais. Son tempos onde se require a coraxe cívica de dicir non cando se nos empurra a sermos cómplices de inxustizas. Son tempos para construír una esperanza colectiva a partires do laborioso e cotián exercicio da solidariedade cívica.
A covoceira de AGE, Yolanda Díaz rexistrou a Proposición non de Lei diante da Comisión e do Pleno do Parlamento Galego a iniciativa do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes. Concretamente a proposición presentada por Alternativa Galega de Esquerda indica que:
O Parlamento de Galicia insta ao goberno galego a que conceda a Medalla ao Mérito da Protección Civil aos bombeiros que salvagardaron o dereito de cidadanía social dunha cidadá coruñesa negándose a participar no seu desafiuzamento.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “síntome orgulloso da actuación destes empregados públicos, que amosaron un comportamento libre, crítico e preñado de solidariedade”.