Actuación na Frouxeira

A viceportavoz esixe a paralización inmediata e definitiva das actuacións de maquinaria pesada no lugar, protexido por diferentes figuras ambientais.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) alerta das consecuencias que as obras da Dirección Xeral de Patrimonio están a ter sobre a lagoa da Frouxeira, en Valdoviño. “O que está a acontecer aló é unha agresión á contorna”, expuxo na comisión parlamentaria de Medio Ambiente a viceportavoz de AGE Yolanda Díaz, “e sabemos que a Xunta, inicialmente, tatexou, pero os intereses urbanísticos impuxéronse ao interese xeral”. O Goberno galego constrúe no lugar, declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC), unha canle, pero faino sen, tan sequera, informe de impacto medioambiental. “Nun país normal, isto non acontecería”, espetou Díaz ao director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón.

A lagoa da Frouxeira sufriu durante os últimos oitenta anos –así o documenta a asociación ecoloxista Verdegaia- os intereses dos propietarios das terras lindeiras ou de vivendas mal situadas ou de legalidade dubidosa. E as inundacións periódicas que aduce a Xunta para realizar as obras en curso débense a ese descontrol urbanístico. Nese contexto, Alternativa esixe ao Goberno –mediante, tamén, unha proposición non de lei-   a paralización inmediata e definitiva das actuacións na lagoa, realizadas con maquinaria pesada e que están a desecar a zona.

 

Relacionados