Actuacións superfluas

 

Os índices de desemprego son insustentábeis, máis do 10% dos coruñeses atópanse en risco de exclusión social. Diante deste panorama o alcalde anuncia outra obra faraónica, nesta ocasión modificar o perfil costeiro da cidade, e dicir cambiar o paseo marítimo.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que os coruñeses e coruñesas teñen necesidades moito máis perentorias que a remodelación do paseo marítimo. Actuación que en tempos de bonanza económica sería ben recibida, mais na situación actual significa unha burla para toda a veciñanza que está a pasar apuros económicos.

 

Esquerda Unida esixe ao Goberno coruñés que aplique políticas centradas nas verdadeiras necesidades da cidadanía, como a reactivación económica local e a creación de emprego.  Moitos son as frontes onde se pode actuar neste sentido, mais o concello non está a actuar con determinación neste sentido.

 

Dende Esquerda Unida insístese na necesidade de crear un Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME), que sexa quen de reactivar a economía local a través da promoción de cooperativas de desempregados e o apio a autónomos e PEME.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou “o alcalde incide no modelo produtivo do ladrillo e o formigón, e triste que os nosos gobernantes non aprendan nada da crise. Trasladamos en numerosas ocasións a nosa vontade de axudar ao Goberno local na tarefa de mudar o modelo produtivo dunha maneira eficaz e xeradora de emprego, máis as nosas suxestións semella que caen en saco roto. Logo, cando a situación económica na Coruña sexa insustentábel chegarán os lamentos e o desvío de responsabilidades”.

 

Relacionados