Adianto eleccións e dimisións

Xa temos denunciado, en diversas ocasións, as constantes vulneracións aos dereitos cidadáns que o goberno local do PP está practicando: o peche dos Plenos á cidadanía, a censura a actuacións en espazos públicos, a privatización das rúas e prazas e outra medidas que son propias de gobernos totalitarios e antidemocráticos. A todo isto, ademais, témoslle que engadir unha nefasta política económica e social que prexudican a Santiago.

As cloacas do Concello desprenden un fedor a corrupción noxento. Os recentes acontecementos deste 14 de febreiro demostran un raro amor da dereita polas portas xiratorias que conectan o público co privado e que son as que alimentan o clientelismo, os privilexios e tratos de favor dunhas estruturas viciadas e vaciadas das normas éticas máis elementais da democracia.

As detencións realizadas hoxe de significados membros do PP local, algún presente na corporación municipal, xunto co responsable de empresa que ten concedida a prestación de servizos en materia de augas, asi como empresarios amigos, sitúan a nosa cidade nun escenario de descomposición e podremia que están lesionando gravemente a imaxe do noso Concello e que están, ademais, levando á parálise das funcións do equipo de goberno, tal como o demostran os impagos aos traballadores e traballadoras de SERMASA.

Dende o Consello Comarcal de EU levaremos a cabo todas as medidas necesarias para conseguir que se faga realidade o adianto electoral que Santiago necesita. Non se trata de “pedir desculpas” como aventurou Feijóo, senón de asumir as responsabilidades que implica o cargo público e, ante o dano que se está ocasionando á cidade, todos os cargos imputados nas tramas de corrupción investigadas pola xustiza, se ben respectando a súa presunción de inocencia, deben dimitir.

Polo ben da democracia, cómpre que a cidadanía teña voz para expresar cara a onde quere que camiñe o Concello: se seguirmos con esta deriva, ou rachar con estas formas de facer política e alumear un novo horizonte democrático.

Relacionados