Para a executiva nacional de Esquerda Unida o adianto das eleccións débese á frustación e incapacidade de Feijóo para desenvolver políticas que permitan a Galicia saír da crise. Levamos tempo denunciando a inacción do goberno do PP en canto ao desenvolvemento de políticas activas de emprego e reactivación económica, así como a súa incapacidade para xestionar o país nun momento de crise onde a maioría social está a pedir un cambio tanto no modelo produtivo como na forma de facer política. Feijóo presume de gobernar unha autonomía solvente, estable e non deficitaria, esta mesma autonomía que camiña cara os 300.000 parados, cunha sanidade privatizada dende os seus cementos e cun goberno que gasta millóns de euros en propaganda institucional. O adianto electoral vén confirmar a incapacidade de xestión dun goberno antisocial que so actúa para obter réditos electorais que lle permita manterse na poltrona.
Diante desta situación, as traballadoras e traballadores galegos precisan dunha política económica, social e medioambiental diametralmente distinta, para o cal é necesario acadar unha fronte ampla de esquerdas, a Syriza galega, que sexa quen de acadar unha maioría hexemónica que permita aplicar políticas alternativas a prol das familias traballadoras.
Esquerda Unida considera que o adianto electoral amosa que os futuros recortes que aplicará o Partido Popular serán dramáticos. A decisión de adianto electoral reflicte a falta de organización política por parte do goberno de Feijóo. Ate só hai uns días, o goberno da Xunta iniciaba o proceso para a constitución dunha comisión de investigación sobre as caixas de aforro e depurar responsabilidades, comunicaba tamén a intención de reducir a representación parlamentaria, todo elo, decisións que afectaban e afectan por coherencia política ás datas do proceso electoral. Cunha folga xeral anunciada, cun rescate inminente, a convocatoria de eleccións é evidente que quere despexar calquera proceso político que entorpeza nun futuro moi próximo os recortes e medidas extremas que se adoptarán dende o goberno central.
Yolanda Díaz coordinadora nacional e candidata á Xunta de Galicia afirma que “vimos de comprobar o que xa sabiamos, o goberno galego non é soberano, é Madrid quen decide”. Galicia non é soberana, as decisións políticas das e dos galegos véñense de decidir en Madrid coa desculpa, segundo o presidente da Xunta, da necesidade de estabilidade política, apoiándose na falta de unidade entre os partidos galegos de cara a unha situación social e económica extrema, e no aforro obrigado que quixo exemplificar coa redución de representación.