herminio.gif - 20.80 Kb

Adxudicación dunha rúa a Herminio Barreiro

 

De Herminio Barreiro pódense encher páxinas e páxinas debido á súa importancia para a configuración da cultura galega no seo do grupo Brais Pinto; debido á súa pegada na formación de educadores e educadoras do país e tamén, como non, e entre moitas outras cousas, debido a ese testemuño dun tempo que baixo forma de libro nos legou, Recordar doe, onde a memoria ven ao noso encontro para conformar a nosa identidade.

 

Herminio Barreiro sempre tivo o don da palabra para transmitir a importancia do socialismo como esperanza, do marxismo como ferramenta de análise da nosa sociedade, e da educación como medio de emancipación do ser humano. E iso, sempre, nos tempos da longa noite de pedra e agora, nos tempos de naufraxio e crise. Nunca deixou de entregarse para achegar o seu enorme gran de area. Herminio Barreiro era, a pesar das inclemencias e do desasosego, bondadoso, e tiña unha enorme dose de optimismo, o mesmo que reza no seu epitafio: O amor move o mundo.

 

De forma tranquila o seu falar transportaba o agarimo da esperanza. Así foi como xeracións e xeracións de alumnos e alumnas aprenderon del non só a formarse como mestres e mestras, desde 1976, na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, senón a adquirir a esencia do que nos fai ser mellor persoa. Por iso, cando Herminio Barreiro nos deixou, sabiamos que se ía o mestre de mestres.

 

Herminio Barreiro fixo das rúas de Compostela a súa interlocutora privilexiada. Moitos son os que aínda lembran os paseos cheos de discusións filosóficas e poéticas co seu gran amigo, irmán, Uxío Novoneyra. A Herminio Barreiro encantáballe camiñar e sentir o ir e vir da universidade polas rúas de Compostela.

 

Por todo isto, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, co apoio do S.N. de CCOO e a Fundación 10 de Marzo, consideramos necesario que Santiago lle devolva con agarimo a Herminio Barreiro parte do que el nos entregou xenerosamente. E consideramos que a forma máis acaída é dedicarlle unha rúa a Herminio Barreiro Rodríguez, propoñendo ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

 

ACORDO

 

Primeiro.- Dedicarlle unha rúa ou praza a Herminio Barreiro, “mestre de mestres”.

Relacionados