Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal agasalla con 72.600 euros aos rendistas que teñen locais comerciais pechados. Non cabe dúbida de que os locais baleiros prexudican a imaxe da nosa cidade, dificultando aínda máis a actividade do pequeno comercio ao transmitir unha sensación de declive económico e cidade pantasma, tamén é certo que as zonas comerciais tradicionais da cidade experimentaron nos últimos anos un peche de actividades comerciais. Pero, entendemos que non corresponde ao Concello o labor de adecentar os ditos locais por tratarse de propiedades privadas e que o investimento debe aproveitarse para desenvolver iniciativas efectivas que produzan un cambio real da tendencia ao declive do pequeno comercio.
O grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes esixe ao goberno local que estableza a normativa axeitada para que sexan os propietarios dos locais os que teñan que manter os recintos en perfecto estado. Entendemos que dende as administracións se debe investir para fomentar o pequeno comercio e deste xeito favorecer a reactivación da decadente economía local e xerar emprego, mais nesta actuación tamén queda claro as diferenzas entre os que gobernan para os poderosos e unha forza da esquerda real, como EU, que centra a súa acción política na defensa das maiorías sociais. O PP prefire utilizar cartos públicos de todos e todas, en lugar de incomodar aos rendistas, moitos deles poderosos e ricos, desenvolvendo normativas que obriguen a rascarse os petos.
Esta medida favorecería o emprendemento, incrementando a actividade económica e o número de negocios, xa que logo, xeraría emprego, ao conseguir baixar os escandalosos prezos que teñen moitos locais comerciais mediante estímulos negativos aos rendistas, xa que moitos deles prentenden seguir especulando como si non houbese crise. Para evitar causar prexuizo aos rendistas que non queren especular pero que son incapaces de alugar os seus locais, propoñemos que cedan os seus locais a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) que se encargaría de xestionar un parque de baixos comerciais a prezos xustos. EMVSA se encargase da xestión integral do aluguer, cuxos donos queiran delegar na empresa municipal, de tal maneira que o rendista non se teña que preocupar de nada a cambio de que o aluguer sexa a prezo xusto. Así, sería EMVSA quen se encargase da decoración do local mentres estivese baleiro, comprometéndose, ao final do contrato, a entregar o local aos seus donos nas mesmas ou mellores condicións que cando o entregaron.
É certo que as dificultades do pequeno comercio responden a unha realidade económica pero tamén ao crecemento desmesurado das grandes superficies na Coruña promovido polo PSOE por espurios motivos especulativos, e baixo o amparo das leis liberalizadoras do bipartidismo, o que supuxo un resultado perverso. Esta liberación serviu para a configuración de oligopolios que controlan unha parte moi importante do comercio.
Neste sentido, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal do PP oculta, disfraza e ignora a realidade da cidade mediante unha contratación que supón un parche ao problema pero que nada soluciona, mentres os cidadáns seguen reclamando un posto de traballo”.