Esquerda Unida considera que Albada pretende transferir os refugallos a outras plantas sen reciclalos. Aínda que a idea de tratar o lixo orgánico para poder reutilizalo como abono é unha medida propia de países avanzados que coidan do seu medio natural, o método de xestión da planta de Nostián, dende a súa construción, foi nefasto.
A concesionaria lonxe de procurar un servizo de calidade cun alto grado de reciclaxe, buscou dende o primeiro momento acadar o máximo beneficio co mínimo investimento, e o fixo co silencio cómplice de PSOE e PP. So hai que observar o lamentable estado da maquinaria que utilizan os operarios.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao goberno local que active os mecanismos necesarios para evitar a previsible estafa da concesionaria co incumprimento do contrato, porque nas negociacións de hoxe a avaricia da empresa quedou patente, Albada aceptaría unha conxelación dos salarios para este ano, pero negase a asinar unha cláusula de mantemento de emprego ou a readmitir aos 11 traballadores que despediu alegando que entran menos residuos na planta e que polo tanto xorde a necesidade dun axuste do cadro de persoal, mentres mantén un elevado índice de rexeitamentos e recibe os mesmos cartos públicos.
Con esta actitude, queda clara a estratexia da empresa, unha vez que observa que o goberno municipal non se atreve a iniciar accións contra ela polo incumprimento do contrato, Albada pretende un novo xiro de porca despedindo a máis traballadores a consta de reducir os xa de por si paupérrimos índices de reciclaxe, até que sexa practicamente nula.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a actitude da empresa está clara, agora falta saber de que lado está o goberno municipal, no caso de que non actúe de inmediato demostrará que da as costas á veciñanza”.
César Santiso subliñou que cada día que pasa semella máis necesaria e apropiada a medida que propoñemos de desenvolver cláusulas que permitan a intervención e mediación do Concello nos conflitos laborais das concesionarias de servizos municipais, proposta que nos comprometemos a executar no caso de ter capacidade de influencia na gobernanza da Coruña.