Alegacións ás ordenanzas

César Santiso indicou que “cun 23,7% de persoas en risco de exclusión social hai que idear fórmulas para que o esforzo fiscal non recaia sobre a cidadanía, iso é o que fixemos nestas alegacións as ordenanzas fiscais. Así propoñemos retirar as modificacións aprobadas inicialmente na Ordenanza Fiscal Nº 5 reguladora da taxa por subministro e utilización de auga potable no termo municipal da Coruña e a Ordenanza Fiscal Nº 7 reguladora da taxa por prestación de servizo da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais. Xa que na praxe a primeira supón un incremento de 5€ en cada recibo do auga para o 87% da veciñanza e a segunda outros 5 € de incremento para a totalidade da cidadanía.

Asemade, para promover a utilización dos hortos urbanos e que estes se convertan nunha ferramenta efectiva para paliar a exclusión social propoñemos eliminar a tarifa xeral por horto mensual de 25 € na Ordenanza fiscal Nº 43 reguladora do prezo público por prestación de servizos e utilización de instalacións culturais, educativas, de ocio e análogas de titularidade municipal.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes aposta por reducir a carga fiscal da maioría social, incrementando tributos e taxas a grandes empresas para equilibrar a economía do concello. Pol que propoñemos a modificación do artigo 2.3 da ordenanza Nº 51 reguladora do Imposto de Bens e Inmobles (IBI) para incrementar o tipo de gravame do 0,6 ao 1,3 % para os Bens Inmobles de Características Especiais (BICE) destinados a aeroportos e portos comerciais, segundo ten previsto o artigo 72.2 da LRFL.

Tamén propoñemos que os Bancos, que coa súa avaricia profundaron nesta crise, acheguen máis recursos a sociedade coruñesa, incrementar a tarifa base dos caixeiros automáticos de 210 euros proposta inicialmente para estas ordenanzas 2013 a 525 euros na Ordenanza Fiscal Nº 32 reguladora da taxa por ocupación de terreo de uso público local con depósitos e aparellos distribuidores e caixeiros.

En definitiva, Esquerda Unida presenta alegacións as ordenanzas fiscais para acadar maior xustiza social, promover a economía e fomentar o cambio do modelo produtivo. Como o fomento da utilización de vehículos máis eficientes e menos contaminantes ou a instalación de enerxías renovábeis mediante avantaxes fiscais.

 

Relacionados