Alegacións Comedores Escolares

 

As administracións públicas e en particular o concello de Ferrol deben atender ao  compromiso inexcusable de pular a prol do ensino público como elemento central  artellador do dereito á educación segundo se recoñece na Constitución e no Estatuto de Autonomía de Galicia.

 

As devanditas  administracións públicas teñen que xogar un papel  clave  e exemplificador na procura dun novo modelo de produción e  consumo que poña o fincapé no pulo ao sector da economía social como proveedor de servizos e produtos fornecedores duns hábitos de alimentación e vida saudables; sector económico o referido caracterizado pola procura dos parámetros de carácter social, ético e de sustentabilidade, que este concello aprobou no Pleno ordinario de maio de 2010.

 

Temos o convencemento que o concello ten que xogar un papel de avanzada para acadar a transformación dos modelos de produción e consumom actuais apostando por un desenvolvemento  de carácter autocentrado como fórmula propiciadora do emprego de proximidade e dun modelo baseado na sustentabilidade. Xa que logo e ao obxecto de millorar e precisar o texto entregado na Comisión informativa de Cultura, o noso Grupo Municipal achega as seguintes,

 

ALEGACIÓNS

 

Primeira.- Na cláusula III.3, o Grupo Municipal de EU formula a proposta de discriminación positiva para as entidades do sector da economía social, caso das cooperativas radicadas no noso concello, no que atinxe á provisión de  productos e bens  procedentes do mercado local e de tempada susceptibles de compoñer parte dos menús escolares.  O concello de Ferrol debe pular por proporcionar unha axeitada educación alimentaria ás pequenas e pequenos, quen de contribuír a fornecer neles uns hábitos de vida saudables.  Alimentación saudable  que forma parte dun modelo de  produción e consumo quen de garantir a soberanía alimentaria, que constitúe un dos eixes directores  dunha visión social alternativa. Cómpre subliñar que a nosa cidade conta con valiosas e consolidadas experiencias no eido do cooperativismo social responsable.

 

Esta discriminación positiva ten un sustento neste concello derivado da aprobación por unanimidade no Pleno  ordinario de maio de 2010 da moción a prol dunha Compra Pública Responsable. Moción que ten toda unha serie de elementos pendentes de desenvolvemento e que cómpre pór en marcha á maior brevidade, tarefa na que o noso Grupo Municipal anuncia a súa total vontade de dinamizar e cooperar para a súa efectiva posta en marcha.

 

Segunda.-  Modificar na cláusula XVI no sentido de eliminar toda ambiguedade referida ao alumnado susceptible de recibir unha beca de comedor. A nosa proposta consiste en afirmar que  a posibilidade de recibir unha beca abranga ao alumnado matriculado nos centros escolares públicos. Situación que se viña dando até o de agora e que nas verbas da concelleira delegada da área de Cultura na Comisión informativa de venres, 15 de xullo,  se vería modificada para proceder a desviar cartos públicos para becar ao alumnado dos centros privados.

 

Terceira.-  Incorporar unha nova redación na totalidade de texto que o corrixa e suprima a linguaxe sexista que o percorre na súa totalidade.

Relacionados