Alegacións ordenanzas fiscais. IBI

 

As rexeitamos, entre outros motivos, por considerar que non buscaban adecuar o esforzo fiscal dos contribuíntes segundo a súa capacidade económica, e por renunciar a fomentar o uso das enerxías renovábeis para avanzares no cambio do modelo produtivo cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo. Aínda que os impostos locais non teñen en conta as circunstancias persoais do suxeito pasivo ao ser de carácter obxectivo, non cabe dúbida que a lexislación permite ao Concello aplicar criterios de progresividade en bonificacións y tarifas nalgúns destes impostos, para que se cumpra así o criterio de que paguen máis os que máis teñen.

 

Entre outras, Esquerda unida presentou alegacións ás ordenanzas fiscais para favorecer o acceso á vivenda, por considerala un dereito constitucional que os poderes públicos deben favorecer. Así ao obxecto de reducir o custe de acceso á vivenda, propoñemos a modificación do artigo 2.3  da ordenanza, en base ao artigo 72.4 da LRFL, para incrementar do 25% ao 50% o gravame aos inmobles de uso residencial que se atopen desocupados con carácter permanente para incorporar ao mercado de aluguer parte do elevado número de vivendas baleiras, moitas desocupadas por meros motivos especuladores.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón incrementar as bonificacións para as vivendas de protección oficial e as que incorporen sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar Concretamente proponse modificar o artigo 5.2 da ordenanza conforme prevé o artigo 73.2 da LRFL para prorrogar de maneira indefinida o período de bonificación para as Vivendas de Protección Oficial e similares, para favorecer a veciñanza o acceso a vivenda e frear o éxodo cara a outros municipios.

 

Por outra banda apostamos por modificar o artigo 5 da ordenanza para incluír, como permite artigo 74.5 da LRFL, unha bonificación as edificacións que incorporen sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía proveniente do sol. Para acceder a devandita bonificación a edificación debe superar as esixencias do Código Técnico da Edificación e aplicarase nun porcentaxe igual ao porcentaxe da enerxía potencialmente autoxerada en relación coa total consumida ata un máximo do 50%.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “apostamos por que os que máis teñen sufraguen as axudas de tipo social e medioambiental para democratizar o acceso a vivenda e a enerxía”. Así ademais de gravar os inmobles baleiros propoñemos modificar o artigo 2.3 da ordenanza para incrementar o tipo de gravame do IBI do 1,1 ao 1,3 % para os Bens e Inmobles de Características Especiais destinados á produción de enerxía eléctrica, gas, refinado de petróleo e centrais nucleares, segundo ten previsto o artigo 72.2 da LRFL. En definitiva incrementar a cargar fiscal a grandes empresas como a refinería de Repsol que obteñen importantes beneficios para equilibrar a economía do Concello, porque “a Esquerda real é consciente das dificultades económicas que os poderes públicos están a sufrir e desenvolve propostas pragmáticas e realizábeis, non como outros que se dedican a facer brindes ao sol”, sentenciou César Santiso.

 

Relacionados