Alimentos lácteos S.A.

A factoría de Outeiro de Rei (Lugo) adía máis de catro meses os pagamentos aos gandeiros e mantén aos seus 71 traballadores totalmente desinformados sobre a situación da empresa.

A factoría Alimentos Lácteos, SA, situada en Outeiro de Rei (Lugo) e que recolle leite de case dous mil gandeiros de toda Galicia, atravesa unha grave crise que afecta non só ás once cooperativas que agrupa, se non ao xa danado tecido agrogandeiro da zona. Para Antón Sánchez, a situación de Alimentos Lácteos responde á “política errática” da Xunta e os seus “remedios trapalleiros”. “Aínda que non compartimos o modelo, porque a planta de Outeiro de Rei non xera valor engadido e unicamente envasa leite líquido”, sinalou, “esiximos explicacións da Xunta e unha resposta ás inquedanzas dos 71 traballadores, que levan máis de tres meses pedindo unha entrevista cun responsábel do Goberno e aos que nin sequera lles responden”.

A Xunta de Galicia presidida por Alberto Núñez Feijóo impulsou, en 2010, a constitución de Alimentos Lácteos, SA a partir da unión de 11 cooperativas. Dende a súa creación, as arcas públicas investiron case nove millóns de euros nas instalacións que antes pertenceron a Leche Pascual. Malia os cartos gastados, o retraso no pagamento aos produtores, que chega aos catro ou cinco meses, provocou que os gandeiros deixasen de levar o leite á factoría. “Non confían no proxecto”, engadiu Sánchez. A factoría ten capacidade para procesar 7,5 millóns de litros de leite á semana e apenas está traballando con 300.000. Parlamentarios de AGE manteñen contacto continuado co cadro de persoal de Alimentos Lácteos, SA, e esixen da Xunta responsabilidades pola situación da compañía.

“A situación é límite”, asegurou o deputado por Lugo, Ramón Vázquez, quen lembrou as dificultades que atravesan outras empresas emblemáticas da provincia, como as madeireiras Finsa e Tablicia, a cementeira Cosmos ou a fábrica de Sargadelos, e os datos do paro, cuxo incremento interanual en Lugo foi dun 9,97%.

 

Relacionados